www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Un corte no subministro eléctrico deixa sen alumeado público a parroquia de Saxamonde
Sociedade • 20/01/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O problema detectouse na tarde do domingo, cun corte que afectou a gran parte do Val de Maceiras sendo Saxamonde a parroquia máis afectada ao carecer de alumeado público durante a noite do pasado día 17. O BNG esixe responsabilidades a Javier Bas por tratarse dun problema reiterado e anima aos veciños a reclamarlle descontos a Fenosa nos seus recibos polos prexuizos causados.


Arredor das sete da tarde e ata en tres ocasións, fallou o subministro eléctrico en varias parroquias de Redondela. Estes cortes afectaron tanto ao alumeado público como ao subministro que chega ás vivendas particulares.


Saxamonde, e en concreto os barrios de O Souto e Padrón foron os máis afectados. Malia que se restableceu a enerxía eléctrica, durante o resto da noite esta parte de Redondela careceu de alumeado público coas conseguintes incomodidades para a veciñanza.


O concelleiro nacionalista Xoán Carlos González "considera a situación de inaceptábel. Trátase da enésima falla de subministro desta envergadura en seis meses. Fenosa, está a ofrecer un servizo terceiromundista".


O concelleiro nacionalista acusa de "deixadez absoluta ao alcalde Javier Bas, posto que non fixo nada para que estes fallos deixaran de producirse". Considera alarmante que a estas alturas, aínda teñamos que sufrir cortes na subministración de enerxía eléctrica e moito máis nesta época do inverno.


Engade que "Fenosa cobra relixiosamente os recibos a todos e cada un dos aboados, incluído o Concello non amosando moitos miramentos, no caso de impagos, para cortaren o subministro. Trátase dunha situación humillante".


Anima o concelleiro nacionalista " a que todos os e as afectadas por fallas de subministro fagan valer os seus dereitos como cidadáns, reclamándolle a Fenosa o desconto por estes cortes".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: