Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 20 de Agosto de 2018

Cecilia Pérez Orge non repetirá como candidata do BNG
Política • 20/01/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A actual voceira do Bloque en Redondela anunciou que non ía repetir despois de ser cabeza de lista na convocatoria do 2011. Segundo as súas palabras "é o momento de que outra persoa encabece a candidatura do BNG. Trátase dun proxecto colectivo, onde as individualidades e os personalismos, non teñen cabida".


Pérez Orge confirmou que "logo de ter traballado nos últimos vinte anos co BNG vai manter dito compromiso apoiando todas e cada unha das actuacións que se desenvolvan nos vindeiros meses". Comprometeuse a dar o seu "apoio incondicional" a aquela persoa que saia democraticamente respaldada pola Asemblea Local de Redondela.


Un nome que polo de agora aínda está por desvelar.


Non é esta a única incógnita que se mantén respecto dos vindeiros comicios electorais, xa que polo de agora o único candidato confirmado é o dos socialistas, logo de que Eduardo Reguera liderara a única lista que se presentou ás primarias locais do PSOE. Todo apunta que Javier Bas repetirá tamén como candidato popular á alcaldía, malia que aínda non confirmou a súa candidatura.


Tamén falta por confirmar quen será o cabeza de lista de AER, unha Agrupación de Electores que si confirmou que se volverían presentar aos comicios municipais.


E non só hai incógnitas sobre os candidatos. Tamén falta por ver cantos partidos se presentan logo da disolución de Anova Redondela e a posible presentación doutras candidaturas como Esquerda Unida, FPG ou formacións independentes.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: