www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

Jacobo Montes, adestrador do C.D. Choco : "O equipo está no lugar que merece"
Deporte • 13/01/2015
Autor: Ana Prieto

O conxunto redondelán superou unha longa xeira de seis partidos sen gañar logo de impoñerse o pasado domingo ao Xuventú Sanxenxo. E fíxoo como os grandes, no último minuto e cun home menos. Agora ocupa a novena praza do grupo, con 30 puntos, unha situación "merecida", segundo o técnico, que defenderán o próximo domingo en Vilalba.


Despois dun comezo de liga espectacular no que o equipo redondelán chegou a liderar a Terceira División, unha nefasta racha levou ao Choco a caer ata a metade baixa da táboa. Para o técnico, Jacobo Montes, foi unha situación que non se axustaba coa calidade do equipo, xa que "a crise foi só de resultados, e non de xogo". O domingo comezaron a segunda volta e puxeron fin ao maleficio nun partido épico diante do Sanxenxo. Cando firmaban o empate 1-1, e cun home menos, no minuto 90 chegou o gol da vitoria obra de Hugo. Tres puntos que devolven ao Choco á metade alta da táboa e supoñen unha inxección de moral para os xogadores. Están empatados a 30 puntos puntos co Arousa e o Ribadeo, e buscan o obxectivo de sumar os 45 que lle garantan a permanencia. Para iso teñen por diante unha segunda volta marcada polos caprichos do calendario. Os primeiros partidos serán contra rivais, en principio, máis accesibles, e os últimos contra os equipos máis fortes. Por iso Montes quere aproveitar as próximas xornadas para facerse cun colchón de puntos que lle dea tranquilidade, aínda que advirte que calquera equipo desta categoría "pode facer dano". A próxima xornada desprázanse para xogar co Vilalbés, sextos do grupo, aínda que só cun punto máis que os redondeláns. Para Montes a climatoloxía será un factor clave logo dunha semana de chuvias nun campo de herba natural. Enfronte terán a un equipo cunha defensa moi sólida e cun contragolpe rápido, polo que será fundamental "evitar perdas de balón" e non cometer erros.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: