www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 19 de Outubro de 2018

A crise da pesca e o marisqueo reúne aos nacionalistas Ana Miranda e Daniel Rodas co sector
Política • 12/01/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O BNG organiza un encontro aberto con mariñeiros, mariscadoras e mariscadores do noso concello que terá lugar o martes día 13 de xaneiro ás 18:00 horas na casa da cultura. Neste acto, ao que asistirán o voceiro de pesca e deputado do BNG no Parlamento Galego, Daniel Rodas, a eurodeputada Ana Miranda e a voceira en Redondela, Cecilia Pérez falarase da prohibición da arte do xeito e da mortaldade do marisco entre outros asuntos.


A xuntanza, que terá lugar ás seis da tarde de mañá na Casa da cultura, falarase da problemática xurdida tras o peche da pesqueira da sardiña e a proposta de prohibición da arte do "xeito" por parte da UE que se vai debater o vindeiro día 21 de xaneiro, así como o recorte  do TAC e cotas en diversas especies para o ano 2015, sendo as máis destacadas un 26% para o xurelo e un 15% para a pesca da xarda.


No que se refire ao marisqueo, abordarase a grave crise que está a producir no sector a problemática da mortaldade dalgúns moluscos, como son a ameixa e o berberecho. Segundo denuncian dende o Bloque "isto fai que o volume de capturas se vexa reducido en máis dun 50% e os ingresos de mariscadoras e mariscadores caian a niveis do ano 2007 ante a pasividade e ineficacia da Consellería do Mar e do Presidente da Xunta".


O BNG de Redondela entende que é preciso coñecer e informar de primeira man aos afectados dun sector produtivo vital para o noso concello polo que convida a este encontro deste martes a todas as persoas que teñan interese en coñecer esta problemática.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: