www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

Primeira derrota como locatarios para o Redondela nunha xornada de triunfos para Campito e Arealonga
Deporte • 15/12/2014
Autor: M. X. Queimaliños

Dura derrota para o RedondelaFS, nun partido no que perderon 1-5 ante o Cereixa. O seu adestrador Julio Mougán explica que o equipo xogou dous encontros "un ata o minuto 34, onde o equipo estaba a dar a cara e outro ben distinto nos últimos seis, onde o parón dunha media hora motivado pola lesión de Tizón prexudicoulle en exceso para acabar cedendo os tres puntos ante o rival". Mellor sorte correron os dous equipo de Chapela, o Campito ante o Baíña e o Arealonga ante o Hotel Roma fixéronse cos puntos en xogo.


A primeira metade para o Redondela FS estivo marcada por un desgaste físico importante. Joseillo nunha falta poría o primeiro tanto no luminoso, e a falta de sete segundos Juan desperdiciaría un 10 metros que podería ter sido unha boa vantaxe para o descanso.


Nada máis iniciarse a segunda metade os de Gondomar conseguían empatar o partido dende aquí ata o parón, o Redondela xogou un moi bo fútbol sala que non se viu recompensado en forma de gol. No minuto 34 chegaría a clave do encontro cunha lesión de Tizón. O xogo estaría parado sobre media hora, ata que unha unidade medicalizada do 061 trasladaba a un centro médico ao xogador.


Nada máis reiniciarse o xogo o Cereixa lograría dous tantos poñéndose por diante 1-3. Malia os intentos do Redondela serían os de Gondomar os que lograrían aínda dous tantos máis ata o definitivo 1-5.


Duro golpe a nivel deportivo e humano o sufrido na Bomboneira polos xogadores do Redondela FS. Agora son cuartos e o vindeiro sábado xogan cun rival directo, desprázanse ao campo da Quinta de Tui. Jorge Tizón, a quen lle foi diagnosticada unha luxación no ombreiro deberá estar un mes afastado do campo ata a súa total recuperación.


Mellor lle foron as cousas ao Campito que na súa vista ao campo do Baíña facíanse cos puntos en xogo logo dunha avultada vitoria 1-5. o sábado 20 reciben no pavillón de Chapela ao Tui Futsal.


Na autonómica norte o Arealonga FS brindáballe a súa afección un triunfo ante o Hotel Roma. 5-2 foi o resultado do partido disputado no pavillón de Chapela. Repitan na casa na próxima semana, reciben ao pechacancelas do grupo, o Xarío.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: