www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Xullo de 2018

As obras de ampliación da Ponte de Xulián arrancarán o 7 de xaneiro
Política • 12/12/2014
Autor: M. X. Queimaliños

Ese é o compromiso da Consellería de Medio Ambiente coa asociación de veciños Alvedosa de Reboreda. O proxecto consiste en dotar a estrada de dous carrís e unha beirarrúa nunha das marxes da ponte, un punto este que non convence á asociación "xa que obrigará aos peóns a camiñar en zig- zag". Malia todo amosan a súa satisfacción por lograr unha obra que levan anos demandando. A asociación convoca aos veciños a unha asemblea este domingo ás 10:30 na Sociedade Labrego Cultural na que se falará deste e doutros temas.


O orzamento total que destinará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nesta actuación é de 188.762,10 euros e está previsto que as obras se inicien o vindeiro 7 de xaneiro. O obxectivo é mellorar a seguridade vial nese tramo da estrada PO-250 entre Redondela e Reboreda. Manuel Rodríguez da asociación de veciños Alvedosa confía na palabra dada malia que apunta que "logo de tantos atrasos ata que non o vexamos non o creremos". Apunta tamén que logo de ver o proxecto espera que se inclúa algunha modificación porque "tal e como está formulado obrigaría aos peóns a desprazase en zig-zag por este tramo" no inicio da estrada a Reboreda.


O traballo proxectado ten por obxecto a mellora da seguridade viaria na ponte sobre o río Alvedosa, co fin de evitar a interferencia entre vehículos e peóns e prevé a ampliación da estrutura de forma que se poida dotar a calzada de dous carrís para a circulación de vehículos e unha beirarrúa nunha das marxes, que permita aos peóns circular pola zona e cruzar o río con garantías de seguridade


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: