www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

Piden que o transporte escolar se adapte ao horario dos centros educativos
Sociedade • 11/12/2014
Autor: M. X. Queimaliños

Dende o BNG denuncian que a falta de autobuses obriga a realizar varias quendas tanto no Instituto Mendiño como no Colexio de Quintela. Esta situación implica que os rapaces nalgúns casos teñan que chegar ao centro con media hora de antelación e noutros teñan que agardar ata as 14:30 para poderen regresar aos seus domicilios. Os nacionalistas solicitan no Consello escolar que se celebra mañá que dende o concello se artellen medidas para solucionar esta situación.


O transporte escolar do IES Mendiño e do CEIP Quintela está atravesando unha situación que dende o BNG consideran "que volve a poñer o ensino público en xaque". Aseguran que ao redor de trinta rapaces de secundaria, e outros tantos de primaria vénse afectados diariamente pola modificación do horario do autobús.


Explican que dende o mes de novembro o transporte do Mendiño cóbrese con dúas quendas de viaxe pola mañá e outras dúas a mediodía. Unha situación que obriga a  anticipar a entrada media hora na primeira quenda e a atrasar outra media hora as saídas. Así, hai rapaces que están no centro escolar dende as oito da mañá, mentres outros non saen ata as 14:30, unha situación que se agrava os luns, xornada na que os rapaces volven entre pola tarde 16:15 horas.


A mesma empresa realiza o servizo para o alumnado de Quintela o que significa que se atrasa arredor dun cuarto de hora na saída. En ocasións estes nenos de menos de 12 anos están chegando ás súas casas máis alá das tres e cuarto da tarde.


Por todo isto, o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González solicitou que este asunto se debata no Consello Escolar Municipal que se celebra mañá co obxectivo de buscarlle unha solucións.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: