www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

Os defensores da terra buscan apoios en Bruxelas
Política • 10/12/2014
Autor: M. X. Queimaliños

As grandes infraestruturas, a especulación urbanística, os proxectos mineiros... son moitos os proxectos que afectan ao territorio galego e que levan a que asociacións e colectivos se mobilicen na súa defensa. Co gallo de facerse oír en Europa e convidados pola parlamentaria de AGE, Lidia Senra membros da Plataforma en contra da autovía falarán no Parlamento Europeo para explicar como afectaría esta obra ao noso concello.


A iniciativa, promovida dende Alternativa Galega de Esquerdas, pretende levar a Bruxelas as diferentes formas de acaparamento da terra en Galicia e dar a coñecer as loitas que en diferentes puntos do país se están levando adiante para impedir a apropiación das terras e dos montes por empresas de todo tipo ou para grandes infraestructuras pensadas en función dos seus intereses. A actividade en sí será un encontro no que persoas dos diferentes colectivos farán unha breve exposición na que explicaran como afecta o proxecto contra o que están loitando sobre a terra ou os montes.


Entres os convidados atopamos a Lolo Nantes e Bea Fervenza, da Plataforma cidadá contra a autovía quen defenderán a necesidade de paralizar "proxectos de infraestruturas ruinosas" e de que os gobernos comecen a apostar por proxectos de mobilidade sostible que non desmembre o territorio.


Unha iniciativa cuxa utilidade para Bea Fervenza é indiscutible, xa que serve "para que se escoite a nosa voz e que tamén en Europa sexan conscientes da necesidade de paralizar proxectos que non son necesarios nin demandados".


Fervenza lembra que proxectos como a A-59 atópanse paralizados pola falta de orzamento pero que é necesario non baixar a garda e seguir alertando da súa inutilidade "porque sabemos que o proxecto podería retomarse en canto haxa presuposto".


As xornadas contarán con representantes dos colectivos que se opoñen a proxectos mineiros como Corcoesto, Triacastela, A Terra Cha, A Limia ou O Caurel. Mañá xoves será a quenda dos veciños de Cabral quen falarán da especulación urbanística, falarase dos parque eólicos, dos cambios nos montes veciñais en man común e das grandes infraestruturas, tema este último que correrá a cargo dos representantes redondeláns.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: