www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

Carlos Rey: "A SAR estáo facendo realmente ben"
Deporte • 9/12/2014
Autor: Ana Prieto

Logo da vitoria sobre o Castro Chapela no derbi local, a SAR Plastic Omnium consolídase como un dos equipos fortes da Primeira Nacional. O técnico recoñece que o equipo está a xogar a un gran nivel, pero amósase prudente sobre os seus obxectivos unha vez superada a permanencia.


Primeira Nacional


SAR Plastic Omnium 30-28 Castro Chapela


O derbi entre os dous equipo locais ofreceu moito balonmán e de calidade. A SAR Plasltic Omnium foi superior ao combinado de Chapela, e sempre estivo por diante no marcador. A defensa preparada por Carlos Rey e a boa actuación do porteiro Marcos Colinas, frustrou todas as tentativas do Chapela. Os homes de Fran Teixeira non puideron co xogo da SAR, que foi unha maquinaria moi ben engraxada no que todos os xogadores estiveron a un alto nivel. Os locais chegaron a acumular unha vantaxe de ata 8 goles, co marcador de 20-12 logo do descanso. Nos últimos minutos o Castro Chapela iría recortando distancias, ata o 30-28 final. O resultado, sen embargo, na Federación de Balonmán, consta de 30-29 por unha modificación posterior na acta que a SAR xa reclamou. A vitoria sitúa aos de Rey na 4ª posición da táboa, a cinco puntos do liderado, pero o técnico é prudente coas súas opcións. Recoñece que o obxectivo da permanencia marcado a comezo da temporada está superado, pero quere ser cauto. Rey advirte que "queda moita liga por diante" e para soñar con metas máis altas deberán seguir pelexando "partido a partido". A próxima cita será na Coruña, diante do OAR, que comezou con malos resultados esta temporada. Con todo, o técnico redondelán sinala que están a recuperar a xogadores que eran baixa polas lesións e que a da Coruña sempre é unha pista difícil. O Castro Chapela, pola súa banda, mantén a 3ª praza logo da derrota pero afástase dos líderes, Seis do Nadal e Cisne, a tres puntos de distancia. A próxima fin de semana reciben a un dos equipos afundidos na parte baixa da táboa, o Cinco Jotas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: