www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 24 de Setembro de 2018

A defensa do Bergantiños frea as opcións do Choco
Deporte • 9/12/2014
Autor: Ana Prieto

O Bergantiños impúxose ao Choco cun tanto de David García logrado na primeira metade. Os de Carballo souberon vivir cómodos logo na defensa do gol, ante un Choco que arriscou máis na segunda parte pero que non foi quen de superar a defensa dos de Javier Oreiro.


Terceira División


Bergantiños 1- 0 Choco


O partido non tivo moitas accións ofensivas. Na primeira metade, a da diana, cunha acción persoal de Denís, pola banda esquerda, desbordando á defensa redondelá. Centrou a onde chegaba David García, que só tivo que pór o pé para que o balón traspasase a liña. Puido facer o segundo o conxunto bergantiñán cando Dani Becerra cabeceou unha falta sacada por Roberto Piñeiro trinta pasos por detrás. O balón pasou a centímetros do longueiro. Na segunda parte o Choco impuxo o seu dominio, pero foi estéril. Aumentou os minutos de posesión e, coa saída de Róber, o equipo redondelán tivo máis presenza ofensiva, favorecida tamén polo repregamento dos locais. Silva puido empatar ao rematar de cabeza, con potencia, pero Cristopher rexeitou como puido, e o esférico caeu outra vez aos pés de Silva, que esta vez estrelou o esférico contra o porteiro. Cristopher fixo a parada da tarde sobre a liña de gol. Tivo outra acción clara o conxunto de Jacobo Montes. No minuto 71, Hugo recibiu na metade da área grande para patear cruzado, sen esperar que estivese na traxectoria da bóla Dani Becerra, que salvou o gol que xa cantaban a vintena de redondeláns que viaxaron ao campo das Eiroas. O resultado deixa ao Choco na 7ª posición da táboa, que prepara xa o encontro que o medirá en Santa Mariña ao Ribadeo, da metade baixa da táboa.


Segunda Autonómica



Choco B 0-0 San Miguel


O Choco B mantén a 2ª posición do grupo logo do empate co San Miguel, que é 3º, e segue a só un punto dos redondeláns. Na próxima xornada o Choco B xoga no campo do Vilariño, un dos pechacancelas do grupo.


Arcade 0-2 San Martín


O Arcade segue afundido na metade baixa da táboa logo da derrota diante do S.Martín. A próxima fin de semana xogan no campo do Noalla.


Terceira Autonómica



Cesantes1-2 At. Estación


O Cesantes segue afundido na parte baixa da táboa logo da derrota diante do At. Estación. A próxima xornada xogan no campo do Monteporreiro, que os adianta nunha posición.


Casablanca 1-1 Beretes Chapela


O enfrontamento entre dous rivais que estaban empatados a puntos na metade da táboa deixou como resultado táboas. Os dous caen varias posicións, ata a metade baixa da clasificación. O Peña Beretes recibe a próxima fin de semana ao Miño, 2º do grupo.


Chapela e Vilar descansaron


Na próxima fin de semana o Chapela, 3º do grupo, xoga no campo do Balaídos, que é 4º; O Vilar xoga no campo do Castelo, co que están empatados a puntos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: