www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Decembro de 2018

O PSOE responsabiliza ao goberno local do novo atraso no paseo de Cesantes
Política • 5/12/2014
Autor: M. X. Queimaliños

O socialista Eduardo Reguera acusa ao alcalde de "non facer nada do que estaba na súa man para dotar a Cesantes do paseo marítimo, a pesar de que o resto de grupos municipais así o esiximos nos diferentes plenos e na aprobación do Plan Marisma+ no que se recolleu dende un principio este proxecto". Entre outras cuestións acusan ao goberno local de non ter xestionado con Costas a rehabilitación dos muros limítrofes ao paseo, unha actuación que agora terá que ser financiada polo concello co orzamento que inicialmente estaba previsto investir no paseo.


O PSOE de Redondela acusa ao PP e o seu alcalde, Javier Bas, de serén os responsables de que Cesantes non vaia a ter o paseo marítimo contemplado no plan Marisma+. Engade Eduardo Reguera que malia o compromiso adquirido de Costas de rehabilitar os muros limítrofes ó paseo, tal e como se recolle nun informe do Plan Marisma do 2013, este compromiso "perdeuse pola escasa capacidade de xestión do alcalde".


No último pleno municipal o goberno local xustificou o cambio de investimento dos cartos cos que estaba previsto acometer a obra do paseo e que agora se van gastar en recuperar os muros "porque están a pique de caer a consecuencia dos danos provocados polas cicloxéneses do último inverno".


Reguera indica que "se Costas xa tiña comprometidos eses muros e ademais, debería afrontar a súa reparación porque foron danados polos temporais, aínda entendemos menos o motivo de que teña que ser o concello de Redondela o que teña que asumir o custe desta obra".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: