Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

Os mariñeiros lembran as artes tradicionais de pesca en Cesantes
Cultura • 27/11/2014
Autor: M. X. Queimaliños

A Asociación Cultural "Obradoiro de Estudos locais Fernando Monroy"  organiza unha charla-coloquio co título "Artes de pesca tradicionais". Mariñeiros xa xubilados e con moitos anos de experiencia falarán das artes de pesca empregadas na nosa ría e que, por diversos motivos remataron  en desuso ou foron prohibidas polo que desapareceron. Será o sábado ás 19:00 horas no transcurso dun acto no que se entregarán os premios aos gañadores do concurso de fotografía que convoca esta asociación.


A rapeta, boliche, nasas tradicionais, mediomundos... son algunhas das artes que durante décadas se empregaron no mar e que a día de hoxe lembran tan só os maiores da parroquia. Precisamente mariñeiros xa xubilados e que traballaron con estas artes serán os encargados de impartir esta charla que terá lugar o sábado as 19:00 horas no Centro cultural e deportivo de Cesantes organizada polo Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy.


Unha xornada na que se entregarán os premios do IX concurso de fotografía que este ano recaeron en Daniel Pereira Vilar que se fixo merecedor do premio xuvenil pola súa  imaxe titulada "Ondas do ceo". Na categoría de adultos Kike Martínez recibirá o galardón por "Reflexos locais". O xurado entende que a mellor das fotografías presentadas foi "Resplandor" de Xosé Angel González Míguez. En total 122 imaxes presentadas por corenta autores, o que supón un incremento importante no número de participantes respecto de edicións anteriores.


Con tódalas fotos presentadas ao concurso, farase unha exposición, que quedará aberta o próximo sábado e que permanecerá todo o mes de decembro no Círculo Cultural.


O Obradoiro está a xa a traballar noutros proxectos e anuncia a publicación dun libro e un DVD na que se recollerá a memoria dos maiores da parroquia.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: