www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Fran P.Lorenzo "Blanco Amor é o meu referente literario e vital"
Cultura • 24/11/2014
Autor: M. X. Queimaliños

O autor de "Cabalos e lobos", novela premiada na XXXII edición do Premio Blanco Amor recollía o galardón nun acto celebrado o sábado no Multiusos de Chapela e no que estaban presentes o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, o Secretario Xeral de Política Lingüística Valentín García e outros políticos da administración local entre os que se atopaban o edil de cultura Julio Alonso e o alcalde Javier Bas.


O galardoado amosábase satisfeito por recibir un premio que "vencella o meu nome a Blanco Amor, referente no literario pero tamén no vital por seu xeito de enfrontarse ao poder e denunciar a represión". Amosaba tamén a súa emoción porque o libro "Cabalos e Lobos", no que estivo traballando máis de catro anos, vaia ser publicado.


Unha obra na que se narra a historia dunha familia xermana emigrada en Vigo e que foi elixida entre os corenta traballos presentados. Olivia Rodríguez, membro do xurado desta edición salientaba o seu carácter de "novela urbana viguesa centrada na alta burguesía procedente da emigración alemá, cunha artellada estrutura narrativa, unha coidada dosificación da intriga e o suspense e un ritmo áxil e fluído a través do xogo das voces narrativas nas que se combina un dobre enfoque". Características todas elas que levaron ao xurado a elixila de xeito unánime como a gañadoras desta edición.


O acto, conducido pola poeta Yolanda Castaño, contou tamén coa presenza do presidente da Real Academia galega, Xesús Alonso Montero quen aplaudiu a decisión do concello de Redondela deretomar a organización do premio este ano "cando estaba ameazado de morte". Na súa intervención lembrou a figura e obra de Blanco Amor "un home que tivo que padecer as precariedades históricas da época que lle tocou vivir, un drama que tamén traslada á súa obra".


Non faltaron a este acto representantes da película "A Esmorga" que ven de ser estreada en cines. O seu director Ignacio vilar amosaba a súa satisfacción "por lograr que esta cinta se convertese na segunda que máis xente meteu nas salas de toda España no seu día de estrea".


Tamén o titular de Cultura da Xunta, Xesús Vázquez facía referencia a película recen estreada por ser "literatura e cine dous xeitos de dar a coñecer a realidade dos galegos e galegas en todo o mundo". Aproveitaba a súa intervención para adiantar que será o vindeiro ano a deputación de Ourense que organice a próxima convocatoria do premio.


Pechaba o acto o alcalde de Redondela Javier Bas quen insistía na boa saúde do galardón "como o amosan os 40 traballos presentados" e tendía a man para ser novamente os organizadores no caso de que así fora preciso.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: