www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

Pleno extraordinario para modificar o IBI
Política • 17/11/2014
Autor: M. X. Queimaliños

O PSOE acusa ao goberno local de "incapacidade absoluta" por plaxiar unha medida que eles propuxeron hai tan só 15 días. A concelleira de Facenda Ana Alonso anunciaba nos nosos micrófonos a decisión do goberno local de "levar ao pleno unha rebaixa do tipo impositivo ao mínimo establecido por lei pasando do 0,44 actual ao 0,4 agora que xa están actualizados todos os padróns". Unha modificación que se debaterá hoxe luns nunha sesión plenaria extraordinaria que se celebra ás 14:00 horas.


A rebaixa do tipo impositivo suporá a efectos prácticos segundo a edil Ana Alonso "contrarrestar o incremento que os veciños ían sufrir novamente nos seus recibos o vindeiro ano e nalgún caso incluso suporá unha rebaixa neses recibos".


Alonso explica que o incremento dos recibos responde a revisión catastral feita polo goberno municipal no ano 2006 cando máis elevados estaban os prezos das vivendas. Unha revisión que supuxo por exemplo "que unha vivenda cuxo valor era de 45.000 euros pasara a 112.000 o que supuxo a súa vez un incremento exponencial dos recibos". A edil de Facenda engade que unha nova revisión catastral para corrixir esa situación, tal e como demanda o PSOE, non é viable "porque o Catastro non o permite ata o 2016, ano no que poderemos solicitalo e aínda teremos que esperar varios anos ata que nolo concedan".


Dúas medidas, a revisión catastral e a rebaixa do tipo impositivo, solicitada xa con anterioridade polo PSOE, unha formación política que entende que esta sesión plenaria que se celebra hoxe amosa a "incapacidade absoluta do goberno local que despois de tres anos sen ningún tipo de medida para aforrar custes aos veciños plaxian unha medida proposta pola agrupación socialistas nun prazo de quince días".


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: