www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 21 de Xuño de 2018

O espectáculo Brinca Vai chega a Redondela
Cultura • 13/11/2014
Autor: M. X. Queimaliños

Este concerto-obradoiro dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos e ás súas familias celebrarase no Multiusos do Piñeiral en Chapela o venres ás 18:30 horas enmarcado dentro do programa FalaRedes da Consellería de Cultura. Está baseado no libro-disco Brinca vai! (editado por Kalandraka),  no que a música, as cancións, o humor e o enxeño son os protagonistas e convidan á creatividade e a viaxar ao longo dos doce meses do ano, achegándolle á xente miúda da casa as tradicións, a natureza, os xogos ou as festas populares.


Musicalmente móvese nun amplo abano de estilos e contrastes, dende o tecno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, sen esquecer tampouco as influencias tradicionais. Son ritmos atractivos que chegan da man de Paco Nogueiras, un divertido artista, acompañado sempre do seu característico chapeu, que logo conquista o público infantil. A música actúa deste xeito como fonte de transmisión do galego, pois ao finalizar o espectáculo a xente miúda segue a cantar as súas cancións celebrando unha auténtica festa na nosa lingua.


Coma todas actividades do programa de dinamización lingüística FalaRedes, este espectáculo é de balde, mais cómpre retirar a entrada con antelación para evitar problemas de aforamento. Poderase recoller no multiusos da Xunqueira e no Piñeiral do Crego dende o xoves 13 de novembro no horario habitual de apertura das instalacións. 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: