www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

As filtracións de auga provocan a caída de parte do falso teito do auditorio do Multiusos
Institucional • 10/11/2014
Autor: M. X. Queimaliños

A situación no Multiusos da Xunqueira empeorou nas últimas horas logo de que na fin de semana se derrubase parte do teito que cubre o escenario do auditorio o que obrigou a suspender unha das actuacións previstas este domingo. A concellería de cultura estuda trasladar as actividades previstas ao Multiusos do Piñeiral ou outros espazos "porque o fundamental é garantir a seguridade de espectadores e artistas".


A problemática derivada das filtracións de auga neste edificio "ven de lonxe" segundo explicou o concelleiro de interior Arturo González. Con todo, a situación empeorou notablemente logo de que no inicio de mes arrancasen as obras de reparación da cuberta do inmoble, precisamente co obxectivo de reparar definitivamente pingueiras e humidades. Uns traballos que provocaron xustamente o efecto contrario, xa que a situación empeorou logo de que os operarios da empresa Anrod Latem S.L. iniciaran a reforma.


Os técnicos municipais son agora os encargados de elaborar un informe no que recollerán a situación actual e as medidas a adoptar de cara a garantir a seguridade dos usuarios. Arturo González explica que será en base a ese informe cando o goberno actúe e valore tamén se detrás do acontecido existe algún tipo de responsabilidade.


Sobre o pouco axeitado de ter iniciado as obras xustamente no mes de novembro e cando as previsións alertaban da chegada de fortes precipitacións asegura o edil que as obras non se podían atrasar máis e que non se puideron iniciar anteriormente "polos tempos que marca a administración". 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: