www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

A exposición fotográfica "Un mar de saberes" achéganos ao traballo do mar
Cultura • 6/11/2014
Autor: M. X. Queimaliños

A mostra fotográfica que se inaugura esta tarde ás 19:30 horas no Multiusos de Arcade forma parte dun proxecto máis amplo impulsado polo concello de Soutomaior e desenvolvido pola cooperativa Trespés co gallo de valorizar o patrimonio marítimo deste municipio e achegar o mundo do mar á poboación. A imaxes, realizadas polo fotógrafo Rafa Estevez  recollen as actividades dos naseiros, do marisqueo a flote e o marisqueo a pé e poden visitarse dende hoxe ata o 5 de decembro.


O proxecto "un mar de saberes" inclúe un total de cinco actividades: voluntariado ambiental, saídas con escolares, realización dunha guía de recursos do patrimonio mariño do concello de Soutomaior, elaboración de guías didácticas e a exposición que se inaugura hoxe xoves ás 19:30 horas.


Un programa que se está a desenvolver nas últimas semanas e que xa posibilitou que o alumnado do Colexio Santiago Apóstol coñecera de primeira man a actividade pesqueira e marisqueira grazas tamén á colaboración dos propios traballadores da confraría de Arcade que lles amosaron practicas como a utilización do angazo. Coñeceron tamén o ciclo vital da anguía e a súa pesca e comercialización así como a historia da ostra na localidade, produto emblemático en Arcade.


Un proxecto que conta cunha páxina web www.mardesaberes.com na que se poden consultar todos os materiais producidos como as unidades didácticas ou a guía do patrimonio mariño, un catálogo de bens relacionados co mar.


Finalmente o proxecto inclúe a exposición do fotógrafo Rafa Estévez. Unha mostra dividida en tres bloques temáticos que recollen as actividades dos naseiros, do marisqueo a flote e o marisqueo a pé que se poderá visitar ata o 5 de decembro no Multiusos de Arcade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: