Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 20 de Agosto de 2018

Anova Redondela anuncia a súa disolución
Política • 24/10/2014
Autor: M. X. Queimaliños

Os integrantes de Anova Redondela anuncian a súa decisión de "autodisolverse" por entender que logo do acontecido no transcurso da última Asemblea Nacional esta formación "constitúe hoxe unha ferramenta inútil para a transformación social, verdadeira motivación das persoas integrantes da Asemblea en Redondela" ademais de "carecer das mínimas garantías democráticas que garantan a actividade política dentro da organización".


Explican no seu comunicado de disolución que despois de dous anos de singradura e observados os últimos acontecementos sucedidos na preparación e transcurso da II Asemblea Nacional, amparados polo Coordinador Nacional Martiño Noriega Sánchez e o Voceiro Nacional Xose Manuel Beiras Torrado "ANOVA IN carece das mínimas garantías democráticas de cumprimento do propio corpus de normas e regras autoimpostas,  que garanta a actividade política dentro da organización".


Engaden que o proceso político dos últimos dous anos e medio supuxo un esforzo persoal e colectivo virado en demasía á resolución da actividade interna da organización o que implicou "non desenvolver todo o traballo político en Redondela que esta asemblea querería".


Conclúen argumentando que a día de hoxe segue a ser necesaria "unha forza política propia, galega, que cumpra con estas premisas éticas e que defenda o ben común".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: