www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

O BNG solicita o apoio do pleno aos pescadores do xeito
Política • 24/10/2014
Autor: M. X. Queimaliños

Critican a decisión do goberno español de pechar a pesca da sardiña sen facer ningunha distinción entre cerco, racú ou xeito e sen valorar as propostas do propio sector como a reducción de cotas de pesca e de días de faena. Con esta prohibición os barcos de xeito ou racú ven como se lle prohibe a posibilidade de poder pescar sardiña, como o viñan facendo de maneira inmemorial. Aféctalle a un total de 44 embarcacións no noso concello (4 racús e 40 xeiteiros).


Esta medida conleva, segundo explican dende o Bloque, graves repercusións para unhas artes tradicionais que teñen unha moi pequena incidencia sobre o cómputo total do tac tendo en conta que "o total de embarcacións do xeito de Galiza( 427) pescan ao longo do ano o equivalente a 2 barcos de cerco".


Logo deste peche e despois das protestas do sector, o goberno español presenta un proxecto de axudas para a flota afectada no que se exclúe as embarcacións de racú e xeito, que ven así como non poden optar a unha axuda económica e tampouco poden traballar.


A maiores, ven de elaborarse en Bruxelas unha proposta de regulamento polo que se prohibe a pesca con redes de deriva e entre as súas recomendacións establece a prohibición de utilizar calquera tipo de rede de deriva a partir do 1 de xaneiro de 2015, no que se inclúe o arte do xeito.


Por estas razóns o BNG solicita ao pleno que amose o seu apoio as demandas do sector do xeito do noso concello así como as mobilizacións que organicen. Tamén solicitan que se lle inste a Xunta a que reclame a elaboración dun novo proxecto de axudas no que se inclúan apoios para a flota afectada polo peche como son cerco, racú e xeito así como que se exclúa as artes de racú e xeito da prohibición de poder pescar sardiña prevista pola Unión Europea.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: