www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Setembro de 2018

Fervenza de Reboreda, posta en valor ou actuación desafortunada?
Política • 15/10/2014
Autor: M. X. Queimaliños

A colocación dunha pasarela de madeira na fervenza de Reboreda permite, dende hai unha semanas, que os veciños se acheguen ao lugar para coñecer e visitar este salto de auga de indubidable encanto natural. Unha actuación defendida polo goberno local como "posta en valor dun atractivo turístico descoñecido por moitos redondeláns". Con todo, as críticas non se fixeron esperar, dende AER cualifican a "colocación dunha pasarela sobre a propia fervenza unha equivocación, tanto medioambiental como paisaxística". Aseguran ademais que a obra non foi consensuada cos veciños nin cos propietarios das leiras afectadas.


A fervenza de A Feixa en Reboreda está a ser visitada nas últimas semanas por moito veciños logo dunha actuación que consistiu en recuperar o seu acceso coa creación dunha senda polo río de aproximadamente 200 metros e a construcción dunha pasarela de madeira que permite contemplar o salto de auga na canle do Alvedosa. Unha actuación promovida dende o goberno local que persegue a posta en valor deste paraxe natural e a súa promoción turística. Dende a Concellería de medio Ambiente, o seu responsable Miguel Angel Álvarez, entende que o resultado "é unha marabilla que debería completarse no futuro xa que o obxectivo último sería facer un paseo polo Alvedosa dende o albergue de peregrinos no centro da vila ata a fervenza ou incluso máis arriba".


Unha actuación que con todo xa provocou algunhas críticas. Dende a Agrupación de Electores entenden que a colocación da pasarela sobre a propia fervenza "é unha equivocación, tanto medioambiental como paisaxística, xa que a beleza deste espazo natural estaba implícito, non necesitaba da corta de árbores nin da incrustación da citada pasarela aos muíños alí existentes con máis de cen anos de antigüidade"


Aseguran ademais que non se seguiu ningún criterio de seguridade para a construción desta pasarela e lembran que "a súa colocación na zona de desaugadoiro da canle dos muíños é moi perigosa, xa que o río transcorre con moita forza e caudal por esa zona no inverno, por non falar dos restos de pólas, árbores e incluso lixo que arrastrará coas súas crecidas e que probablemente quedarán incrustados neses piares ofrecendo resistencia ó paso da auga".


Conclúe AER garantindo o seu compromiso coa "posta en valor dos nosos ríos pero non desta maneira".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: