www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Jacobo Montes: "O Choco ten que sumar 45 puntos da salvación antes de pensar noutras metas"
Deporte • 14/10/2014
Autor: Ana Prieto

O técnico do actual líder da Terceira División teno claro. O obxectivo prioritario do conxunto redondelán é a permanencia. Unha vez sumados os puntos que lle dean a tranquilidade, e segundo en que altura do campionato se atope, o Choco poderá pensar noutras metas máis altas.


O domingo o gol de Molinos que deu a vitoria ao Choco diante do Barbadás, levou ao equipo de Jacobo Montes ao máis alto da táboa. Pero as alturas non parecen marear ao técnico, que segue "cos pés na terra". O adestrador advirte que o liderado é algo "anecdótico" logo de levar disputadas oito xornadas, e segue mantendo como obxectivo prioritario para o equipo "a salvación". Lembra que os redondeláns comezaron a temporada nunha situación moi delicada, logo de sufrir ata doce cambios nas súas filas, polo que "axustar" de novo ao equipo era a súa prioridade. Conseguírono en tempo marca, e o Choco é un ano máis un equipo ben compensado. Para Montes o traballo diario nos adestramentos é fundamental, e o equipo "está a responder moi ben". O técnico fai moito fincapé tamén no traballo táctico, analiza minuciosamente ao rival para facer o fútbol que lle poida resultar máis vantaxoso, e os resultados están a acompañar ao equipo. Agora preparan o partido do domingo diante do Arousa no campo da Lomba. Será un encontro de bo fútbol entre dous rivais que se coñecen ben. Montes coñece ben a José Luis Uhía "Piscis", o técnico do equipo arousán, e viceversa, e agarda un duelo "moi igualado". O adestrador confía tamén en que neste partido, que se disputará ás 17.30 horas, haxa tamén moita afección do Choco.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: