Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

A frota de xeito redondelá unirase ao resto de pósitos afectados pola prohibición da arte
Sociedade • 10/10/2014
Autor: Ana Prieto

Son unhas 40 as embarcacións que se dedican en Redondela á pesca da sardiña coa arte do "xeito", unha modalidade que se prohibirá a partires de xaneiro, xunto co resto de artes de enmalle de deriva. Desde o sector anuncian que se mobilizarán xunto co resto de Confrarías galegas para evitalo.


Esta mañá celebraron un encontro cos parlamentarios do BNG Ana Miranda e Daniel Rodas, onde falaron das novas medidas que a UE pretende establecer coa esta pesca artesanal. Dende o Bloque consideran que esta pesca tradicional non se pode equiparar con outras artes de enmalle a deriva, xa que é un arte de pequenas embarcacións con pouca capacidade de pesca, que operan en augas interiores das rías. Para Cecilia Pérez, edil do BNG en Redondela, o problema é "o descoñecemento que desta pesca teñen nos gobernos de Madrid e Bruxelas". Por esta razón dende o BNG solicítanlle ó Goberno Central que exclúa a esta arte de pesca tradicional da prohibición de pescar sardiña dada "a escasa incidencia que ten o xeito sobre esta especie e sobre os TAC". A eurodeputada Ana Miranda participou na xuntanza cos mariñeiros redondeláns para explicarlles que "trasladarán ao Parlamento Europeo as súas demandas", do mesmo xeito que aos parlamentos galego e estatal. Os profesionais do mar están "moi preocupados" por esta decisión, xa que a arte do xeito é a única, xunto co marisqueo, coa que poden faenar nos meses de verán. Eugenio Iglesias anuncia que se mobilizarán "para defender os seus intereses". Rubén Lago, o vicepatrón do pósito redondelán, confirmou que se porán en contacto coas demais Confrarías galegas afectadas pola medida para facer "unha fronte común". Ata o de agora xa se celebraron xuntanzas en Rianxo e no Morrazo para emprender accións conxuntas. O deputado nacionalista Daniel Rodas salientou que a medida afecta a un total de 427 embarcacións no conxunto de Galicia, que dan emprego a 1.000 mariñeiros, polo que a prohibición sería "un duro pau" para o sector, e pide á conselleira de Pesca, Rosa Quintana, "que se implique neste problema". Na xuntanza, celebrada no local do BNG redondelán, os mariñeiros contaron tamén co apoio da Asociación de Veciños de Cesantes. O seu presidente, Fernando González, entende que tamén é labor do colectivo "estar cos veciños afectados" xa que Cesantes é "unha vila mariñeira". Magdalena Ramonet, da AA.VV de Cesantes e mariscadora de profesión, entende que "toda a parroquia" debe apoiar ao sector neste momento. Para a concelleira redondelá, Cecilia Pérez, a xuntanza foi "un éxito" pola elevada participación do sector, e anunciou que o grupo municipal do BNG levará o asunto ao próximo pleno do Concello. Desde o BNG emprazan ao Executivo central a intensificar as xestións ante a Comisión Europea para que non se inclúan estas artes na proposta de regulamento da UE de prohibición de redes de enmalle á deriva, pois se trata de pesca tradicional, moi afastada das temerarias "cortinas da morte".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: