www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Decembro de 2018

Satisfacción entre os veciños pola colocación dun semáforo para regular o tráfico nas Cardosas
Sociedade • 10/10/2014
Autor: Ana Prieto

Os residentes da zona levan anos reclamando un paso de peóns neste tramo da N-550, onde se rexistra un elevado volume de tráfico, sobre todo desde a instalación do terceiro carril. A instalación do semáforo cun paso de peóns permitirá aos viandantes cruzar sen perigo, e tamén facilitará que os condutores se incorporen con seguridade á estrada nacional desde a rúa Cardosas.


Os orzamentos do Estado para 2015 contemplan a instalación dun semáforo na zona das Cardosas, na N-550, un lugar de intenso tráfico onde conflúen os vehículos que circulan desde Pontevedra e Vigo en dirección ao Porriño, Portugal e ao aeroporto de Peinador, e viceversa. O semáforo das Cardosas é unha medida de seguridade viaria que os veciños da zona levan anos reclamando e que desde Fomento xa prometeran en varias ocasións, aínda que a obra non chegara a concretarse. Carmen, unha veciña da zona, reclama que a obra se faga "xa", agora que por fin a partida está recollida nos orzamentos, porque é "moi necesario" para a seguridade tanto dos peóns como dos condutores. Para Daniel está claro que o paso de peóns é imprescindible, sobre todo pola presenza dunha parada de autobús, onde paran tanto os coches de liña como o transporte escolar. Entende que "ou se instala o paso de peóns ou deben eliminar a parada". Tamén Jose se amosa satisfeito coa medida, que eviatará os accidenes de tráfico que se producen en ocasións nesta intersección. Silvia, que traballa na zona, entende tamén que se trata dunha infraestrutura moi necesaria, sobre todo pola parada de transporte escolar, xa que os nenos están a cruzar a diario a N-550 "sen ningún tipo de seguridade". Como condutora tamén sofre en carne propia o perigo de incorporarse desde a rúa Cardosas, xa que a visibilidade "é case nula", problema que se acentúa pola presenza en moitas ocasións de coches estacionados en dobre fila. Esta medida de seguridade viaria será executada o próximo ano polo Ministerio de Fomento, segundo confirmou o alcalde, Javier Bas. As obras inclúense nunha partida de preto de 400.000 euros para mellorar a seguridade viaria nas estradas do municipio redondelánO proxecto tamén inclúe a construción de varios tramos de beirarrúas na N-555 que une Redondela con Peinador, e unha senda peonil xunto á rotonda da AP-9 en Rande.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: