www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 17 de Xuño de 2019

O BNG enmenda os Orzamentos da Xunta a construción do Peirao de Cesantes sobre pilotes
Institucional • 4/12/2009
Autor: Lorena Otero

Co obxectivo de recuperar a praia de Cesantes, os recursos pesqueiros e o fluxo natural das correntes, o grupo nacionalista presentou unha emenda parcial ás contas autonómica do 2010 para a construción dun peirao flotante en Redondela.


A deputada nacionalista Carmen Adán reuniuse esta mañá cos responsables da Confraría de Pescadores de Redondela para exporlle o contido da emenda parcial que o BNG presentou aos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano para a recuperación da contorna natural dos areais redondeláns e da riqueza pesqueira da Enseada. A principal reivindicación que recolle a emenda é a construción dun peirao sobre pilotes que suporía evitar a perda de area que está a sufrir o Areal de Cesantes nos últimos anos, a recuperación da circulación das correntes e das riqueza pesqueira da zona.


Unha obra que a deputada nacionalista, cualificaba de "razoable, asumible e responsable" e que, segundo dixo, responde a "unha demanda que dende hai tempo vén facendo a confraría de pescadores local".


A emenda recolle unha partida orzamentaria para o vindeiro ano de 300.000 euros, que sería "suficiente", segundo Adán, "para elaborar o proxecto e comezar a obra". A deputada, que estivo acompañada na súa visita polo responsable local do partido, Xoán Carlos González, salientou que esta obra permitirá dotar a Redondela dun porto moderno de primeira categoría ademais de mellorar a produción da Enseada, a súa riqueza natural, así como convertelo nun atractivo turístico para a zona.


O concello xa manifestou o seu apoio ao proxecto, a través do Tenente de Alcalde, Carlos Pazos, quen afirmou que esta é un dos principais problemas ambientais que ten Redondela e que, deste xeito, quedaría solucionado, polo que colaborarán na posta en marcha do proxecto.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: