www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 24 de Abril de 2019

A autopsia desbota a intervención de terceiros na morte da moza de o Viso
Sucesos • 4/12/2009
Autor: M. X. Queimaliños

Fontes cercanas á investigación apuntaban xa na tarde de onte a inxesta dun medicamento como causa probable do falecemento de Alejandra Soto-Alján, aínda que os forenses tampouco desbotan unha suba de tensión ou unha hipotermia.

 


O exame forense que se lle realizaba onte á menor de O Viso cuxo corpo sen vida aparecía nunha pista forestal da parroquia a primeira hora da mañá, desbota a intervención doutra persoa na súa morte e apunta que a moza puido ter inxerido sustancias que lle provocaron a morte. Unha posibilidade que se barallaba nada máis localizar o corpo xa que o mesmo non presentaba signos externos de violencia e a poucos metros do cadáver atopouse un frasco de medicamentos ao que lle faltaban numerosas pílulas. Durante toda a mañá de onte a Policía Científica recollía datos e pistas no lugar pata tentar aclarar os feitos.


Con todo haberá que esperar a novas probas que se realizarán no Instituto Toxicolóxico de Madrid para confirmar se foi a inxesta de barbitúricos o que causou o falecemento da rapaza.


A familia de Alejandra agradeceu a través dun comunicado o apoio recibido de veciños e amigos así como dos membros de Protección Civil e Policía Local que se mobilizaron para tentar atopar á rapaza. Ademais de amosar a súa "tremenda dor" pola morte da moza "en circunstancias tan pouco habituais" agradecían aos medios de comunicación a súa colaboración por difundir a noticia e solicitaban respecto nestes difíciles momentos.


Unha familia que na xornada de onte recibía o apoio do conselleiro de Presidencia Afonso Rueda, quen en nome da Xunta afirmaba que nestes momentos o único que se pode facer é acompañar aos achegados de Alejandra.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: