www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 14 de Novembro de 2019

O concello de Redondela solicita a Xunta que manteña a gratuidade nos libros de texto no vindeiro curso
Institucional • 1/07/2009
Autor: M. X. Queimaliños

A corporación municipal aprobou, cos votos en contra do PP,  reclamar ao goberno de Feijoo que manteña a gratuidade universal. O BNG afirma que o cambio de modelo promovido pola Xunta deixa ás familias mileuristas sen libros gratuitos




A corporación local aprobou no último pleno municipal unha moción presentada polo BNG en virtude da cal solicitarán á Xunta de Galicia que garanta a gratuidade dos libros de texto e do material curricular no vindeiro curso académico.


Mentres o conselleiro de educación Jesús Vázquez defende a supresión da gratuidade universal afirmando que “se trata dunha medida progresista xa que supón un mecanismo de gratuidade solidaria que beneficia ás familias con menos recursos” dende a oposición alértase de que o cambio de modelo deixará ás familias mileuristas sen libros gratuítos. O BNG engade que tan só “as familias por debaixo do umbral da pobreza serán as que reciban axudas integras na compra de libros de texto”.


No mesmo sentido se manifestou o concelleiro nacionalista, Carlos Pazos, no último pleno municipal celebrado o pasado luns. O BNG reclamaba o apoio do resto dos grupos para que se mantivese a programa de gratuidade de libros de texto nos centros de ensino sostidos con fondos públicos para os niveis obrigatorios e gratuítos, argumentando que se trata dun “servizo de préstamos que favorece a igualdade de oportunidades entre o alumnado e inculca valores de solidariedade, conservación do material para a súa reutilización por outras persoas e coidado do ben colectivo”.


Unha moción que foi aprobada cos votos a favor de PG, PSOE e BNG pero que non contou co respaldo do PP. A voceira dos populares, Franscisca Canal, afirmaba na súa intervención que a situación de crise na que se atopa a Xunta obriga a adoptar medidas restrictivas e insiste en que a nova política chegará libros gratuítos ao 65% dos núcleos familiares “axudando aos máis desfavorecidos que terán os libros en propiedade e non en préstamo foi aprobada pero cos votos en contra do PP”.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: