www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

O virus da gripe A presenta síntomas leves na nosa comarca
Sociedade • 9/11/2009
Autor: M. X. Queimaliños

A campaña de vacinación arranca o vindeiro luns día 16. Dende os servizos sanitarios lémbrase que a enfermidade está a ser menos grave do esperado con síntomas propios de calquera gripe como febre, dor de cabeza e malestar xeral

 


En menos dunha semana comezará a campaña de vacinación da gripe A, unha enfermidade que levantou as alarmas ante o potencial contaxio masivo do virus H1N1 pero que, con todo, está a ser menos grave do que nun principio se preveu.


A médico pediatra, Pilar Martínez asegura que aínda que seguen a ser moitos os pais que se achegan á consulta preocupados polas posibles consecuencias da enfermidade, a alarma inicial practicamente desapareceu. Lembraba ademais que os síntomas son leves e se concretan principalmente en dor de cabeza, febre alta e malestar xeral o seu tratamento é o habitual en calquera tipo de gripe: paracetamol, ibuprofeno e sobre todo, descanso e repouso.


En canto ás medidas preventivas para evitar o contaxio o máis importante é seguir unhas recomendacións básicas de hixiene consistentes en lavar as mans con frecuencia, taparse a boca e nariz cun pano ao espirrar ou tusir e ventilar máis a miúdo. Unha medidas que non deben converterse en obsesivas.


En canto aos grupos de risco hai que lembrar que deben vacinarse os adultos e nenos maiores de 6 meses con enfermidade crónicas, mulleres embarazadas e traballadores sanitarios e de servizos públicos esenciais. A campaña de vacinación arranca o vindeiro luns día 16 de novembro.


Charla informativa en Pazos


Esta mesma tarde en Pazos de Borbén a médica Susana Alonso Burguer impartirá unha charla informativa para aclarar aos asistentes todas as dúbidas en torno a esta enfermidade. Será ás 18:30 no salón de actos da casa do concello nun acto de balde aberto a todo o público que desexe asistir

Comentarios
pililo
Domingo 15 de Novembro de 2009 ás 19:46 horas
quen ten que poñer unha vacuna e Carlos Pazos , Eduardo Reguera , Xaime Rey Alejandro Bastos, Paquita Canal e uns cantos mais que no Concello de Redondela todos teñen a gripe A
[1-1]

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: