www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

Choco, Soutomaior e Cesantes os únicos que suman tres puntos no fútbol local
Deporte • 9/11/2009
Autor: Lorena Otero

Goleadas para o Choco, en Terceira Autonómica, que perdía fronte ao Xinzo por 4-0 e para o Nespereira, último da categoría, despois de que lle anotara seis goles o Alpinista.


 


Rexional Preferente


Choco-Gran Peña (1-0) Os dous equipos saltaron ao campo de Santa Mariña cunha proposta defensiva que non lle permitiu aos máis de 200 espectadores que asistiron ao encontro gozar dun partido interesante. Serían os locais, na mellor xogada de todo o encontro, os encargados de anotar o único tanto do encontro, no minuto 35. Un lanzamento de Michel para Kennedy que remataba na portería do Chon, daríalle a vitoria ao Choco. Malia que o Gran Peña tentou remontar o partido no segundo tempo, os locais non permitirían que os visitantes chegaran a súa portería. Deste xeito o Choco queda no quinto posto con 20 puntos. O Marín será o seu próximo rival, polo que a priori non debería ter moitas dificultades, xa que é o penúltimo da categoría, e polo momento, so sumou sete puntos, a súa clasificación.


Primeira Autonómica


Moaña-Arcade (0-0). O Arcade non foi quen de sumar tres puntos fronte ao sétimo da categoría, o Moaña, fora da casa. Un encontro que remataría sen abrir o marcador, con cero goles para ambos equipos. Un resultado que deixa na segunda metade da táboa, na décimo cuarta posición. Esta semana terá que preparar un encontro complicado, xa que o seu vindeira cita será contra o Castrelos.


Segunda Autonómica


Xinzo-Chapela (3-1). O Chapela continúa nos primeiros postos da categoría, malia a derrota desta semana fronte ao Xinzo. Rachando todos os prognósticos, os locais non foron quen de levarse unha vitoria do campo do Xinzo, que se atopa catro postos por baixo dos locais. Falta de ritmo e pouco acerto nos lanzamentos a porta fixeron que os de Chapela perderan un encontro, que lles tería permitido situarse entre os tres primeiros. Así as cousas quedan na cuarta posición, por detrás do Guardés, que lidera a categoría, o Caldelas e o Nieto. A próxima xornada terá a oportunidade de mellorar o resultado desta semana fronte ao Ribeira, o sétimo da categoría.


Terceira Autonómica


Soutomaior-Sampaio (2-1). O Soutomaior recupera a boa racha do último mes e consegue unha nova vitoria fronte ao sétimo do grupo once, o Sampaio. Un partido que estiveron a piques de perder, xa que no segundo tempo o Sampaio tivo varias oportunidades para aumentar o seu marcador. Finalmente os de Soutomaior gañaría na casa por dous a un. Un resultado que os deixa no segundo posto da categoría, só por baixo do Bahía, con catro puntos máis. A vindeira semana podería acurtar distancias xa que xogará contra o Caroi, o décimo primeiro, que no que vai de liga tan só sumou oito puntos.


Barro-Cesantes (0-1) O Cesantes sitúase nos primeiros postos do grupo 17 despois de gañar fora da casa ao Barro. Vitoria pola mínima, 0-1, que deixa aos locais na cuarta posición con 18 puntos. A próxima xornada poderían conseguir o terceiro posto se suman unha vitoria fronte ao Creponzones, quinto pola cola. Tres puntos que lles permitiría acurtar distancias co Figueirido, líder da categoría, o Estación e o Gondar, segundo e terceiro respectivamente.


Choco-Pereiro (0-4) O choco perde o liderado despois da derrota desta semana. O Pereiro deu unha sorpresa esta semana e goleou aos locais con catro tantos. Os xogadores do Choco víronse superados en todo momento polo Pereiro, que entrou no terreo de xogo, demostrando que malia xogar cun dos líderes da categoría non daban por perdido o encontro. E así foi, sen moito esforzo os visitantes, conseguiron levarse tres tantos de Redondela. A próxima semana os locais enfrontaranse ao Sampaio o décimo terceiro da categoría.


Nespereira-Alpinista (0-6). O Nespereira queda afundido no último posto da categoría despois de perder esta semana fronte o Alpinista. Os visitantes demostraron por que se atopan no segundo posto da categoría. Sen dificultade, nin tampouco moita resistencia por parte dos locais, o Alpinista marcoulle seis goles ao Nespereira que queda no último posto do grupo 22 con tres puntos. A vindeira xornada xogará contra o Rubios o décimo primeiro da categoría.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: