www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Outubro de 2019

O Día da Memoria en San Simón dedícase aos fillos e netos dos represaliados
Cultura • 12/07/2012
Autor: M. X. Queimaliños

O domingo 15 de xullo celébrase en San Simón por sétimo ano consecutivo o Día da memoria organizado pola Iniciativa Galega pola Memoria que aglutina a un total de 40 colectivos de toda Galicia. Na illa que acolleu o campo de concentración terá lugar un acto de homenaxe e reivindicación das vítimas da represión que contará coa presenza de dous sobreviventes que estiveron presos neste penal, Heriberto Rodríguez e Ildefonso Púente.


Con todo, este ano as asociacións que traballan na recuperación da memoria queren dedicar a xornada aos fillos e netas de persoas represaliadas ou mesmo a aqueles mozos que sen teren ningún familiar que teña padecido a represión despois do golpe militar do 36, reivindican o seu dereito a coñecer o acontecido e a non esquecer. Por este motivo, o acto comezará coa presentación do proxecto audiovisual "A pegada dos avós" na que un grupo de adolescentes buscarán testemuñas directas que os axuden a comprender o que aconteceu na Guerra Civil. A proposta céntrase na historia de Gabriel filla da fusilada Amada García e de Mariquiña Villaverde, filla do anarquista tamén asasinado José Villaverde.


Logo de ver o trailer deste documental, farase un ofrenda floral no muro do cemiterio da Illa de San Antón e darase paso á intervención de Pablo Iglesias, fillo de Mercedes Núñez, presa no cárcere de Ventas e deportada ao campo de concentración alemán de Ravensbruck, Ana Aller, neta do fusilado Enrique Gómez e Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda.


Os organizadores lembran que as dificultades á hora de trasladar aos asistentes á Illa obriga a limitar o aforo. En todo caso se alguén está interesado en asistir convídanos a poñerse en contacto con calquera das asociación que conforman a Iniciativa galega pola Memoria.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: