www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 13 de Novembro de 2019

O BNG de Soutomaior acusa ao Concello de vetar unha charla sobre a Gripe A
Institucional • 15/09/2009
Autor: Lorena Otero

Os nacionlistas pídenlle ao goberno do popular Agustín Reguera que todas as entidades e organizacións do municipio conten cos mesmos dereitos á hora de empregar un espazo destinado ao uso dos veciños.


A conferencia, que ía impartir o xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra, Luís Vázquez Vizoso, no Multiusos de Arcade, foi suspendida despois de que a Concelleira de Cultura, Dolores Cernada, se negara a celebración da charla, xa que afirmaba que non contaban con ningún tipo de reserva para a hora e o día na que estaba prevista a conferencia.


O BNG de Soutomaior afirma que con esta actuación "o goberno municipal do PP demostra unha vez máis a manipulación das infraestructuras, instalacións e servizos públicos ao seu antollo, tentando negarlles aos veciños a celebración dunha conferencia de interese xeral para a sociedade sobre a Gripe A". Os nacionalistas afirman que non é a primeira vez que este Concello boicotea un acto informativo organizado polo BNG ao non cederlle as instalacións do Multiusos, malia  non contar con ningunha actividade programada para o día e a hora solicitados.


No pleno de novembro do pasado ano, o Grupo Municipal do BNG solicitara coñecer os criterios que emprega a Concellaría de Cultura á hora de ceder as instalacións do Multiusos, o campo municipal de fútbol ou o local de ensaio da escola de Alxán. Os nacionalistas reclamaron, nese momento, un regulamento de reservas e uso das instalacións para rematar coa discriminación para o uso destes espazos. O BNG pídelle ao goberno de Soutomaior que todas as entidades e organizacións do municipio conten cos mesmos dereitos á hora de empregar un espazo cultural concebido para o uso de todos os veciños. A charla impartirase finalmente este venres 18 de setembro na Biblioteca Municipal.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: