www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Novembro de 2019

O goberno fai xestións ante o Ministerio e o Servizo Provincial de Estradas polos prexuízos das obras do AVE
Sociedade • 15/09/2009
Autor: Lorena Otero

O Tenente de Alcalde afirma que as acusacións dos veciños de San Estevo de Negros e Cedeira de que o concello non está apoiando as súas reivindicacións non son certas e lémbralles que o goberno local tan só pode facer xestións xa que non ten competencia sobre a obra nin sobre as estradas polas que circulan os camións.


A pasada semana os veciños de San Estevo de Negros e Cedeira, convocados pola Asociación de Afectados do Val do Maceiras, manifestaban, á saída do pleno municipal, o seu malestar ao entender que o goberno local non está a facer nada por solucionar os problemas que desde hai meses veñen sufrindo os veciños destas dúas parroquias. Ruídos, po en suspensión, seca de mananciais, prexuízos ambientais, e sobre todo o aumento de circulación de vehículos pesados pola N-555, que está a pór en perigo a todos os redondeláns, segundo subliñaba o secretario xeral da asociación, Marcos Expósito, ao non contar con beirarrúas nin beiravías, son algunhas das denuncias que fan os veciños.


Desde o goberno local negan que o concello se manteña á marxe do problema, e o Tenente de Alcalde, Carlos Pazos, sinala que desde o primeiro momento están realizando xestións para tentar paliar os prexuízos do paso de vehículos pesados. As últimas actuacións realizábaas o propio concelleiro nacionalista a pasada semana, con representantes do Ministerio de Fomento e co Xefe Provincial de Estradas en Pontevedra, aos que lle trasladou os problemas que están xerando o tráfico de camións pola zona.
Pazos lembra que nin a obra nin as estradas polas que circulan os vehículos pesados son competencia do Concello de Redondela, polo que eles só poden pór en coñecemento ás autoridades competentes pero a decisión final non depende do goberno local.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: