www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Setembro de 2020

Os proxectos enmarcados no Plan Marisma+ sufrirán un recorte do 7'8%
Política • 12/07/2011
Autor: M. X. Queimaliños

O pleno municipal acordou no mediodía de hoxe aprobar unha redución dun 7'8% en tódolos investimentos previstos dentro do plan Marisma + para así poder financialos cos fondos achegados a través do Plan Feder. O acordo foi unánime e persegue que ningunha das actuacións proxectadas quede sen financiamento.


O anterior goberno local presentara un proxecto cun investimento total de 4'8 millóns de euros, cantidade que se correspondía cunha achega de 3'4 millóns procedentes de Europa e 1'4 millóns procedentes das arcas municipais. Sen embargo, a achega aprobada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Local supón un 93% do total solicitado, polo que é agora necesario facer este axuste.


Todos os grupos políticos estiveron de acordo neste punto e así o fixeron patente nunha sesión extraordinaria que se celebraba ás 14:15 horas no Concello. Dende a Agrupación de Electores, Jorge Varela "Chopi" argumentaba o seu apoio para evitar que esta axuda se lle escape a Redondela.


Tamén dende o BNG manifestaban o seu apoiou a unha rebaixa nos orzamentos xa que este axuste permite reducir os investimentos sen necesidade de renunciar a ningún dos proxecto previstos entre os que se inclúen a construción do centro de interpretación da batalla de Rande "Meirande", un novo pavillón de deportes, a mellora do litoral de Cesantes e un novo tramo do paseo marítimo de Chapela.


Con todo, si houbo críticas procedentes do PSOE, quen demandaba do PP unha "maior xenerosidade" á hora de recoñecer o bo traballo que no seu día fixo o bipartito e que permite agora recibir esta axuda de 3'1 millóns de euros.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: