www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 15 de Agosto de 2020

A vitoria en Cangas garante a permanencia do Choco na Preferente Autonómica Sur
Deporte • 23/05/2011
Autor: Ana Prieto

Na última xornada de liga un triunfo pola mínima diante do Rápido Bahía confirma a permanencia do equipo redondelán na Preferente Autonómica Sur. En canto ó remo o club de Chapela impúxose en Bueu nas categorías absoluta feminina e xuvenil masculina, e foi terceiro na absoluta masculina. Deste xeito clasificouse en todas as categorías para participar no Campionato Galego que se disputa en Rianxo a próxima fin de semana.


Preferente Autonómica Sur


Rápido Bahía 0-1 Choco


A vitoria sobre o Rápido Bahía garante a salvación do equipo redondelán, que se impuxo en Cangas por 0-1 nun emocionante partido. Os de Julio Álvarez puxéronse por diante xa no minuto 15, cun gol de Iago, ao rematar un saque de esquina. O encontro foi trepidante desde o inicio do xogo, xa que os dous equipos precisaban sumar os tres puntos para garantir a permanencia. Houbo máis ocasións para os dous equipos, pero notouse a tensión, e tanto os acertos dos porteiros como a falta de puntería fixeron imposible variar o marcador. Polo tanto, a novena posición que acada o Choco grazas a esta vitoria é definitiva, e deixa ós redondeláns un ano máis na Preferente Autonómica Sur.


Trainerillas-Campionato Territorial Sur


Gran papel do Club de Remo de Chapela no Campionato Territorial Sur, disputado onte en augas de Bueu. O equipo redondelán clasificouse para o Campionato galego en todas as categorías, ao resultar vencedores na proba absoluta feminina e tamén na xuvenil masculina. No caso da categoría absoluta masculina foron terceiros, co que acadan tamén o pase á proba autonómica, que se disputa a próxima fin de semana en Rianxo.


En canto ás mozas de Chapela, o seu dominio na categoría foi absoluto como se reflicte nos quince segundos de diferenza que lle sacaron a Samertolomeu, segundas clasificadas, con Bueu e Vilaxoán xa moi lonxe. En xuvenil masculino Chapela repetiu triunfo tamén con clara superioridade, con once segundos de renda sobre Vilaxoán. Tirán e Samertolomeu foron terceiro e cuarto respectivamente. Na categoría absoluta masculina a embarcación de Chapela foi terceira, a tan só dous segundo de Amegrove que foi segunda, por detrás dos vencedores absolutos, Tirán.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: