www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Outubro de 2019

Un veciño de Chapela premiado cun cadro de Xabier Lemos Godoy valorado en 1800 euros
Cultura • 24/08/2009
Autor: M. X. Queimaliños

Joaquín Lago Cruz foi o afortunado que se fixo co premio Afurancharte'09, unha iniciativa nacida dous anos atras da man da galería Campo das Redes e que persegue achegar a arte aos furanchos


Especialmente rendible foi a velada que Joaquín Lago Cruz pasou nun furancho de Redondela. Ademais de gozar coa degustación de produtos típicos da zona e do viño da casa, foi agasallado coa rifa que resultou gañadora no concurso furancharte’09. O premio, un cadro de Xabier Lemos Godoy valorado en 1800 euros.


Ademais do propio galardoado, que se mostraba agradecido na entrega do premio o pasado venres, os furancheiros valoran moi positivamente a iniciativa, que se celebrou por segundo ano consecutivo e que persegue converter as adegas tradicionais en improvisadas salas de arte. Un xeito de achegar a arte ao fúranchos que conta co apoio do público e dos propios propietarios dos fúranchos.
Unha iniciativa que arrancaba hai dous anos da man da galería Campo das redes en colaboración coa concellería de turismo.


Este ano ademais de pintura, a oferta ampliouse a escultura e fotografía e puidemos contemplar a obra de nomes coma Raúl Velloso, Poldras, Sabela Arias, Marcos Escudero, Félix Cal... De feito, algunhas das obras expostas aínda se poden ver estes días no Multiusos da Xunqueira. Trátase de esculturas de gran tamaño traballadas en madeira, ferro e pedra obra do autor Angel Manuel Rodríguez Romero, Piquico.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: