www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 6 de Xullo de 2020

Tren si, camións non
Sociedade • 25/03/2011
Autor: Ana Prieto

Os veciños de Chapela lamentan que a posta en marcha do AVE supoña a eliminación dos servizos de proximidade e o apeadeiro da parroquia. A vía actual, en parte xa desmantelada, trasládase provisionalmente á liña de mercadorías procedente de Guixar. Por outra banda os residentes de Chapela denuncian que o tránsito de camións pola parroquia segue a ser moi elevado, o que provoca colapsos de tráfico e supón un problema de seguridade para os peóns.

 

 


A posta en marcha das liñas do AVE galego non só traerá á nosa comarca os beneficios da alta velocidade. Tamén suporá prexuízos, sobre todo para parroquias como Chapela, que quedarán sen o servizo ferroviario de proximidade. Os usuarios do actual apeadeiro solicitan que co cambio da liña a Guixar se habilite un novo apeadeiro na parroquia. Manuel, que viaxa en tren todas as semanas a Ourense, sinala que sería "moi positivo" que Renfe habilitase unha parada auxiliar á altura da Alameda, onde hai espazo suficiente para facelo. Desde a cantina "El Apeadero", situada no propio apeadeiro, son pesimistas sobre o futuro do tren. Antonio e Amalia lamentan "que se deixen morrer" as liñas de proximidade. Recoñecen que na actualidade son moi poucos os viaxeiros que utilizan esta parada, pero culpan desta situación "ó abandono das liñas" por parte de Renfe, e aseguran que de contar cun servizo de calidade e máis frecuencias, serían moitos os cidadáns que optarían por esta alternativa para desprazarse entre as localidades de Pontevedra e Vigo, xa que é un transporte "limpo, cómodo e eficaz". Outros veciños -que non son usuarios da liña- amósanse satisfeitos coa decisión de ADIF de desmontar a vía e construír unha "senda verde". Segundo Jose será "máis beneficioso" para o conxunto da poboación, xa que serán "moitos máis" os que aproveiten o paseo que os que agora usan o tren. Este veciño xustifica tamén a súa opinión apuntando que para dirixirse a Redondela ou Vigo a parroquia xa conta cun "bo servizo de autobuses", polo que o tren "non é tan necesario". Con todo desde a AAVV da parroquia e a plataforma Salva o Tren anunciaron que convocarán mobilizacións para evitar que se elimine a vía actual.


Vehículos pesados


Outro dos problemas que denuncian os veciños é o elevado número de camións que circulan polo centro urbano da parroquia. Moitos diríxense ás empresas situadas no litoral de Chapela, pero outros diríxense cara ás factorías de Teis. A Concellería de Tráfico de Redondela fixo cambios na sinalización viaria para prohibir o paso destes vehículos. Os de máis de dez toneladas só poderán circular do Alto da Encarnación ata a Alameda, para ir ás factorías da zona. Con todo, só os camións que se dirixen a Pescanova e outras firmas do litoral colapsan o centro da parroquia, provocando problemas de tráfico e tamén inseguridade para os peóns nunha zona moi transitada, como a contorna da Alameda. Mari Carmen, unha das veciñas afectadas, asegura que a situación é "insoportable e moi perigosa". Sinala que, ademais, existe unha alternativa coa que se poría fin a este problema: a creación dunha vía de servizo para estas industrias que discorra polo litoral, e que podería desembocar na rotonda de Rande. Esta veciña lamenta que non se faga "porque non interesa".


 

Comentarios
Puticlub
Sábado 26 de Marzo de 2011 ás 15:02 horas
Si, si! o Sr Jose di que se desmontan a vía e construen unha senda verde será máis beneficioso para o Conxunto da poboación, pero para que conxunto da poboación? Para o conxunto da poboación chapeleira inconsciente que vai ás cafeterías, e que non pensa que o tren de proximidade é a única alternativa a paliar o colapso de Rande e polo tanto para mitigar a presión gubernamental sobre a ampliación da AP-9. O contexto das declaracións de Jose non é só que non sexa usuario do tren, é que o dixo só "pensando" en seus clientes de chapela, que maioríatriamente non collen o tren. Non o dixo pensando que o tren non só comunica Chapela co Mundo, senón que o mundo está conectado con Chapela polo tren convencional (pero isto non o tibo en conta o sr. José). José, como ten un audi, non sabe que existe un apeadeiro en Redondela-Picota (casco urbán de Redondela). Jose que pensa no beneficio para o "conxunto" da sociedade, participa en manifestacións contra a prohibición de fumar na hostelería, e pensa que en Chapela se protesta por todo! Ai Jose!! Que café máis amargo servides nalgunha cafetería de Chapela!!! Se pecharan as cafeterías canto se beneficiaría o "conxunto da sociedade"!!!!!!!!
[1-1]

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: