www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 3 de Xullo de 2020

O tráfico pesado incrementa a inseguridade vial en Chapela
Sociedade • 21/03/2011
Autor: M. X. Queimaliños

Os veciños contabilizan 103 vehículos de gran tonelaxe pola Avenida de Vigo en tan só tres horas. Demandan á Concellería de tráfico que exerza un maior control para evitar que os camións que se dirixen cara as empresas do litoral de Teis se despracen polo centro urbano de Chapela.


A Asociación de Veciños denuncia que o incremento de camións pola parroquia supón tamén un incremento da inseguridade vial, así como do ruído e a contaminación. O colectivo constatou con papel e bolígrafo o elevado número de camións que pasan pola Avenida de Vigo durante as mañáns dos días laborais. Un tráfico pesado que se viu incrementado logo de que o pasado 1 de marzo entrara en vigor a prohibición para os camións de circular pola rúa Sanjurjo Badía.


Segundo os datos aportados pola presidenta da Asociación, Angeles Méndez, en tan so tres horas dende as 9:00 e as 12:00 contabilizaron 103 vehículos de gran tonelaxe circulando polo centro da parroquia aos que hai que engadir 61 camións de menor tamaño.


Lembran que existen sinais que prohiben o paso a este tipo de tráfico pesado "exceptuando aqueles camións que se dirixen ás factorías do litoral de Chapela" pero que os camioneiros non están a acatar por non existir un control por parte da concellería de tráfico.


Reclaman ao titular de tráfico Eduardo Reguera que cumpra co seu compromiso, xa que no seu día asegurou que non se ía permitir o tránsito entre a Alameda de Chapela e as Catro Pontes.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: