www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Outubro de 2019

O BNG denuncia a falta de información sobre o estado da auga tras o vertido no río Verdugo
Institucional • 24/08/2009
Autor: M. X. Queimaliños

Os nacionalistas esixen medidas á administración para “restituir o medio á súa situación anterior á vertedura” así como a depuración de responsabilidades polo fallo da depuradora de Ponte Caldelas que provocou a morte de centos de peixes




O BNG de Soutomaior critica a actitude tanto do Concello como da Xunta por “tratar de ocultar información sobre o vertido procedente da EDAR de Ponte Caldelas, que o pasado 16 de agosto afectou a uns 10 quilómetros do río Verdugo e á desembocadura sobre a ría de Vigo”.


Os nacionalistas fan fincapé en que o goberno local do PP garantiu a calidade das augas nos areais de Arcade con avisos nas inmediacións das praias cualificándoas de aptas para o baño. Porén, lembran que Soutomaior conta con máis zonas de baño concorridas, como a da Ponte Colgante, no Val-Sobral, ou a da Fábrica do Inferno, en Vela, lugares nos que o Executivo municipal non está a informar sobre o estado da auga tras a grave vertedura.


O BNG censura tamén o proceder da Xunta ao non ter informado desde o primeiro momento os veciños e veciñas afectadas, os concellos, as entidades de pesca fluvial, de baixura e marisqueo do fondo da ría de Vigo ou as empresas de depuración de moluscos localizadas na área.


Diante desta situación, o BNG vén de rexistrar, a través dos seus deputados Bieito Lobeira e Teresa Táboas, unha serie de iniciativas parlamentares para interesarse sobre a situación actual e as medidas que a administración galega ten previsto adoptar para que actos como estes non queden impunes nin se volvan repetir. Os parlamentares esíxenlle ao PP “a adopción de medidas para restituír o medio á súa situación anterior á vertedura, a depuración de responsabilidades, a adopción de medidas correctoras para evitar a repetición de episodios tan graves como este, e a indemnización ou compensación económica aos sectores afectados”.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: