www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 3 de Xullo de 2020

Medio Ambiente inviste 374.000 euros na rede de colectores entre Soutomaior e Pontecaldelas
Institucional • 8/03/2011
Autor: M. X. Queimaliños

O proxecto busca solucionar os problemas derivados sobre todo da carencia de recollida específica de augas pluviais, que ocasionan problemas de funcionamento na depuradora en épocas de precipitacións . As obras de acondicionamento, que se atopan en fase de adxudicación, comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de catro meses


As obras que na xornada de hoxe levaron ata Soutomaior ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández,  teñen por obxecto mellorar a recollida de augas pluvias na estrada PO-244 que comunica este concello con Pontecaldelas. Deste xeito, executarase unha nova rede de colectores de recollida de augas pluviais independente, conectando os sumidoiros existentes e as acometidas das vivendas á rede. Os colectores proxectados discorrerán polo centro do carril esquerdo, ubicándose baixo a calzada, polo que será necesaria a reposición de firme.


O proxecto tamén contempla a rehabilitación do firme naquelas zonas onde estea esgotada a capacidade estrutural. Así, executarase 8.600 metros cadrados de reposición de firme, que inclúe a capa de rodadura en todo o vial. Realizarase, así mesmo, unha reposición de tapas dos servizos existentes e sinalización horizontal.


Estas obras buscan solucionar os problemas actuais existentes nesta estrada derivados sobre todo da carencia de recollida específica de augas pluviais. Esta situación supón que as augas da choiva son recollidas pola rede de colectores de saneamento de residuais, ocasionando problemas de funcionamento na depuradora do Río Verdugo en épocas de precipitacións.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: