www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Outubro de 2019

O Entroido de verán repartirase en tres escenarios
Cultura • 19/08/2009
Autor: M. X. Queimaliños

A Foliada’09 asume a organización de boa parte das actividades que se van desenvolver en Redondela o vindeiro sábado co gallo do Entroido de Verán. Haberá música, xogos populares, concurso de disfraces e un xantar popular




Nesta XII edición atopamos novos organizadores, xa que mentres o concello decidiu reducir notablemente a súa presenza, organizando tan só actividades para os máis cativos na praza da Constitución, o colectivo Foliada’09 súmase ao Entroido de Verán cunha completa programación que se vai desenvolver na praza da Casa da Torre.


Haberá música, concurso de disfraces e un xantar popular no que polo módico prezo de 8 euros os asistentes poderán degustar churrasco, empanada e rosquillas. Incluso os que se anoten previamente nos locais Xan Carallás, a disco Tasca ou o pub Trisquel recibirán polo mesmo prezo un prato de salpicón a maiores.


A festa arrancará xa as doce do mediodía cunha sesión vermú amenizada por un Dj e continuará durante toda a tarde con xogos populares para maiores, a música da charanga Os quíntelas e un peculiar concurso de disfraces onde se recoñecerán aqueles atavíos máis palleiros e con maior pedigree. Tamén recibirán premio os que leven o disfrace máis tapado e o máis descuberto.


Algúns bares da vila súmanse tamén a esta celebración coa colocación dunha barra no campo da feira.


Con esta acción a organización da Foliada, composta por diversas asociacións e colectivos da vila, conta recaudar fondos e voluntariado para levar a cabo o Festival no mes de setembro, un intercambio cultural entre Galiza e Catalunya que ateigará Redondela os días 11-12-13 con actividades culturais alternativas vindas de toda Galiza e de Catalunya.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: