www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Outubro de 2019

A oficina de turismo espera que as visitas á Illa de San Simón se retomen a mediados do mes de agosto
Institucional • 6/08/2009
Autor: Lorena Otero

A finais do mes de xuño suspendeuse o servizo de transporte que unía a Illa con Cesantes e Vilaboa e polo momento estase á espera de que a Consellería de Cultura e a Fundación Illa de San Simón decidan reiniciar as viaxes.


As visitas á Illa de San Simón centran a maior parte das cuestións que cada día solucionan as dúas persoas que atenden a Caseta de Turismo de Redondela. O servizo comezou a funcionar a finais do mes de xullo e diariamente atende entre trinta e corenta persoas, a maioría camiñantes que aproveitan a súa estancia na vila para coñecer Redondela e a súa contorna. Pero tamén acoden ata este posto de información turística os propios redondeláns en busca de información sobre as actividades que se van desenvolver no concello, mapas e datos sobre lugares da contorna.

Pero as principais preguntas céntranse na Illa de San Simón
, segundo sinala Ana Sacarrera, unha das técnicas de turismo. Un servizo que se paralizou a finais do mes de xuño e que suscita moitas das queixas dos turistas. Malia todo a Consellería de Cultura, responsable da xestión das viaxes, apunta que a Illa está aberta ás entidades culturais que soliciten  a súa visita sempre e cando o fagan previamente na Fundación Illa de San Simón, pero recoñecen que o transporte en barco está paralizado debido ao fin do convenio con Caixanova, que sufraga as viaxes, dúas pola mañá e dúas pola tarde.


 



Segundo apuntan desde a oficina de Turismo de Redondela a Consellería pretende que o servizo de transporte ata a Illa de San Simón volva estar en funcionamento a mediados deste mes de agosto. Lembramos que a oficina permanece aberta de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 21.00 horas na Alameda de Redondela. Para calquera dúbida tamén podedes chamar ao número de teléfono 986401713 ou na páxina web www.turismoredondela.net.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: