www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 24 de Abril de 2019

Servizos sociais retoma a formación de adultos e mulleres inmigrantes
Sociedade • 11/10/2010
Autor: M. X. Queimaliños

A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdad pon en marcha dúas actividades formativas dirixidas ás persoas adultas que queiran mellorar a súa formación básica en distintas materias. Un curso estará dirixido a homes e mulleres adultos e outro estará orientado especificamente ás mulleres inmigrantes empadroadas en Redondela. As clases estenderanse ata o mes de xuño de 2011.


O curso de  Formación Básica para persoas adultas, impartirase no edificio do Multiusos da Xunqueira, e o curso de Formación Básica para Mulleres Inmigrantes, impartirase na Casa da Cultura.  Ámbolos dous en horario de mañá e tarde.


Estes dous  cursos van destinados a todas aquelas persoas maiores de idade que queiran seguir completando a súa formación, tendo como obxectivo que acaden as competencias básicas en materia lingüística, matemática, social, cultural e en novas tecnoloxías, así como mellorar a súa autonomía persoal e as súas habilidades sociais.


Como novidade do curso de Formación de Mulleres Inmigrantes este ano realizarase   un taller conxunto para nais/pais e nenos/as, no que se traballarán aspectos persoais de comunicación, tarefas escolares, convivencias, promoción cultural, actividades lúdicas...  co fin de que axuden á súa total integración social na vila.


Ademais no curso de Formación Básica de persoas adultas tamén se vai desenvolver  un taller de lectura, para fomentar e incentivar os seus hábitos lectores, nos que poderán adquirir valores sociais relacionados coa educación viaria, ambiental, a saúde, a igualdade entre homes e mulleres, o consumo, etc.... Todo isto traballado a través de diferentes textos de actualidade, de antes e de sempre. 


Estes dous cursos son totalmente gratuítos e están subvencionados na súa totalidade   pola Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Redondela.


Todas as persoas interesadas en inscribirse poden facelo acudindo ao Edificio de Servizos Sociais situado na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2, na oficina de Igualdade, ou no teléfono 986 40 80 43.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: