www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Setembro de 2020

Clausuran un aula no CEIP Outeiro das Penas tras dar positivo un alumno de Primaria
Sociedade • 15/09/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A dirección do centro activou o protocolo logo de ter constancia na xornada de onte da existencia dun PCR positivo entre o alumnado de segundo de primaria. Ante esta situación xa se lle fixeron as probas correspondentes aos seus compañeiros de clase que tan só terían compartido aula o pasado venres. Estase a espera de coñecer o resultado. Dende o Concello a alcaldesa, Digna Rivas traslada unha mensaxe de tranquilidade porque "malia que non hai que relaxarse e que casos coma este provocan preocupación, en Redondela a situación epidemiolóxica non é alarmante, os casos activos son 11 nunha poboación próxima aos 30.000 habitantes, son casos illados e non hai que lamentar ningún brote".


O colexio Outeiro das Penas é o primeiro no noso concello en suspender as clases nunha das súas aulas logo de coñecerse que un dos seus alumnos deu positivo na proba PCR. Un protocolo que supuxo a clausura desa aula e a relización das probas cocorrespondente ao profesorado e ao resto dos nenos e nenas desta clase de 2º de primaria.


A situación está sendo coordinada conxuntamente entre a dirección do centro, a Consellería e o propio Concello, dende onde se envía unha mensaxe de tranquilidade porque "malia a preocupación que obviamente xera coñecer a existencia dun positivo entre o alumnado, actuouse con rapidez para cortar a cadea de transmisión" explicou a alcaldesa. Confían en que nas vindeiras horas xa se coñezan os resultados das probas realizadas ao resto do alumnado para tomar as medidas sanitarias oportunas.


Digna Rivas apuntou tamén que a situación en Redondela a día de hoxe non é preocupante segundo os datos que lle facilitou a Consellería de Sanidade sobre os casos activos "son un total de 11 casos illados que non fan temer un brote" polo que insistiu en trasladar unha mensaxe de tranquilidade a todos os veciños.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: