www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Setembro de 2020

Intranquilidade nunha volta ao cole marcada polas protestas e a falta de previsión
Sociedade • 14/09/2020
Autor: Ana Prieto

O regreso ás aulas en Infantil e Primaria comezou en Redondela con protestas. As ANPAS denuncian "a falta de previsión" da Consellería e piden máis medios. As familias enfróntanse ao novo curso "con preocupación", aínda que a maioría recoñecen que "era necesario que os nenos volveran ao cole". En Secundaria o inicio adíase unha semana, ata o 23 de setembro.


O impacto da Covid-19 e a adaptación dos centros aos novos protocolos xera moitas dúbidas entre as familias, igual que para os docentes e equipos directivos. Isabel, veciña de Redondela cun fillo en Primaria e unha filla na ESO vive con "incerteza" como vai ser este curso tan atípico. Máis optimista se amosa Vanesa, que di "confiar" nos protocolos das Consellerías de Sanidade e Educación. Nunha volta ás aulas marcada polas distancias de seguridade, o uso de máscara e o hidroxel, moitos pais afrontan estes primeiros días "coa maior normalidade posible". É o caso de Alejandro, que con dous nenos no ciclo de Infantil, entende que é "moi positivo" que os pequenos volvan á escola. Confía nos protocolos establecidos nos centros, e tamén "na capacidade" dos rapaces para adaptarse ás normas "mellor que os adultos". Pero non todos se amosan tan favorables a esta volta ás aulas, e hai familias que rexeitan "a obrigatoriedade" de que os menos asistan á escola. É o caso de Raquel, que ante o perigo de posibles contaxios demandan máis "flexibilidade" e que as familias poidan decidir "se prefiren unha educación presencial ou a través de internet". En todo caso o ensino "non presencial" está descartado as familias que, como explica Isabel deben conciliar "o coidado dos fillos co traballo fóra da casa". Un problema, o da conciliación, agravado aínda máis este curso en moitos colexios pola suspensión de servizos como as aulas matinais, os comedores e as actividades extracolares. As ANPAS, que organizan estos servizos na maioría dos colexios de Redondela decidiron non ofrecelos este curso. Demandan que a Xunta de Galicia lles achegue máis recursos para poder cumprir cos protocolos antiCovid, e que as exima de responsabilidades ante posibles contaxios. De momento os representantes das ANPAS galegas seguen a negociar co novo conselleiro Román Rodríguez. Os pais "entenden" a postura destas asociacións "que non poden asumir a responsabilidade de posibles contaxios". A familia de Rosa, con dous fillos no CEP Santa Mariña, é unha das afectadas pola suspensión do servizo, do que son usuarios desde hai anos. Fala dunha volta ao cole "de tolos" ante a imposiblidade de conciliar. Confía en que as ANPA e a Xunta poidan chegar a un acordo "e retomar o servizo polo menos en outubro".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: