www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Setembro de 2020

Pais e nais critican "a improvisación e o desprezo" da Xunta cara á comunidade educativa
Sociedade • 11/09/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Unhas trescentas persoas concentrábanse na tarde de hoxe na Alameda convocados por trece Anpas dos centros públicos de Redondela para esixir á Xunta medidas que lles permitan volver organizar servizos tan necesarios como os comedores ou as aulas matinais. Baixo o lema "por unha volta ao cole segura e sen improvisacións" anunciaron novas mobilizacións no caso de que a Consellería non modifique o protocolo que delega nestes colectivos a responsabilidades no caso de que se produza algún contaxio nos servizos que xestionan. Reclaman tamén que a administración achegue máis recursos para adaptar estas actividades ás medidas anticovid.


Son moitas as familias que están pendentes do que poida pasar con servizos indispensables no seu día a día. As Anpas néganse a poñelos en marcha mentres non haxa unha resposta positiva e por escrito ás súas demandas. Resposta que está pendente de novas reunións coa Consellería. Ante a falta de solución estes colectivos decidiron mobilizarse para dar visibilidade as súas reivindicacións.


Critican a improvisación coa que arrancou o curso cunha Consellería que cambiou de protocolo dúas veces "malia estarmos dende marzo convivindo coa pandemia" así como o desprezo que o goberno galego amosa "cara o traballo de todos os pais e nais que deixan o seu esforzo e o seu tempo organizando servizos que non lle corresponden xa que deberían correr a cargo da administración" e denuncian tamén o desprezo "ao propio dereito a ter unha educación de calidade e en condicións seguras". Unhas palabras que o presidente da Anpa da unitaria de Cesantes, Paulo Jablonski trasladaba ás ducias de persoas que se concentraban na Alameda Castelao.


"É inadmisible que se nos poida penar por ofertar uns servizos tan necesarios para poder conciliar a nosa vida familiar e laboral" explicaban na concentración, amosando dende as Anpas a súa incomprensión a que a Xunta non teña aceptado as súas peticións e non o teña resolto "en cuestión de días".


Rita Pérez, dende a Anpa do Outeiro das Penas, explicaba que no seu centros son unhas cincuenta familias as que se ven afectadas como usuarios do comedor escolar. Non é quen de explicar o motivo que leva a Xunta a non aceptar as súas demandas que pasan por eximilos de responsabilidade pero tamén por achegar recursos para que as familias non teñan que asumir o sobrecuste que suporá a posta en marcha das medidas antiCovid e que encarecerá notablemente os menús.
Ademais dos representantes das Anpas, pais e nais a título particular e profesores participaron na concentración membros do goberno local (PSOE-AER) e do BNG.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: