www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Setembro de 2020

Marina Requejo (Afaga): Os nosos usuarios presentan un agravamento do seu estado tras o confinamento
Sociedade • 11/09/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Os Multiúsos da Xunqueira en Redondela e o Piñeiral en Chapela recuperaban no inicio de mes o programa de Estimulación terapéutica dirixido a persoas con deterioro cognitivo. Unha iniciativa do Concello en colaboración con Afaga, a Asociación de familiares de enfermos de Alzeimer e outras demencias, que atende a vinte persoas. Usuarios que acoden a estes obradoiros con todas as garantías sanitarias. Un servizo que busca frear o agravamento nas súas patoloxía detectado no confinamento así como servir de apoio aos seus coidadores.


Marina Requejo, coordinadora da actividade en Redondela lamenta o empeoramento de saúde en xeral do usuarios "de feito, algúns dos que asistían a estes cursos xa non van regresar logo de detectarse un agravamento notable tanto na súa situación cognitiva como funcional". Un deterioro que se produce como consecuencia da súa patoloxía pero tamén se ve agravado ao non contar durante estes meses con programas de estimulación que son imprescindibles para frear o avance deste tipo de demencias como poida ser o alzeimer.
Por este motivo entende imprescindible retomar as actividades que dende o pasado 1 de setembro xa se están realizando nos Multiúsos de Chapela e Redondela. Un programa de estimulación que establece rutinas e facilita a socialización entre os pacientes, algo fundamental que busca evitar o illamento.
Son 20 os usuarios que xa volveron ao traballo, algo que tamén descarga as familias e coidadores que nalgúns casos tiveron que enfrontarse a situacións moi complicadas durante estes meses "son persoas que polas súas demencias non entendían a situación de pandemia, rexeitaban permanecer na casa ou acatar as normas o que complicaba a convivencia".
Asegura que non hai temor ante o "retorno ás aulas" destas persoas xa que se segue un protocolo estrito para evitar e minimizar riscos de contaxio. "É maior o beneficio de acudir que o risco real de un contaxio, xa que se aplican medidas hixiénicas para que usuarios e familias de acheguen con confianza".
O Programa desenvólvese os luns e mércores, de 10:30 h a 13:30 horas no Multiúsos da Xunqueira en Redondela e os martes e xoves, no mesmo horario, no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela. As persoas interesadas poden dirixirse aos teléfono 986 22 97 97 de AFAGA ou ao 986 40 26 08 dos Servizos Sociais de Redondela. Tamén poden solicitar máis información no correo electrónico afaga@afaga.com

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: