www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Setembro de 2020

A Xunta atrasa unha semana o inicio de curso en Secundaria, Bacharelato e FP
Sociedade • 11/09/2020
Autor: Ana Prieto

Educación responde á petición dos institutos de Redondela, Soutomaior e Mos ao non poder pechar horarios por non saber aínda de cantos docentes dispoñen . A volta ás aulas, que estabe prevista para o 16 de setembro, será finalmente o 23 de setembro.


A protesta dos institutos galegos xurdiu efecto e o curso escolar nos ciclos de Educación Secundaria, Bacharelato e FP non se producirá o vindeiro mércores, como estaba previsto. A Xunta aceptou a petición dos centros e atrasa a volta ás aulas até o día 23 de setembro. É o que indicou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, nunha rolda de prensa celebrada esta mañán e na que xustificou este adiamento "polos problemas de organización co protocolo motivado pola pandemia". O problema nos institutos vén motivado pola "imposibilidade" dos equipos directivos de organizar a tempo os seus horarios, grupos e espazos "por non dispor aínda da cifra de docentes cos que contarán para este curso". Esa fronte común contra o calendario da Consellería conformárono onte seis centros da provincia de Pontevedra, a maioría deles de Redondela (IES de Chapela, San Simón, Mendiño, Pedro Floriani) ademais dos institutos de Soutomaior e de Mos. Estes centros seguían o exemplo aberto xa o día anterior por outros centros de Santiago que pedían tamén ese adiamento.


En declaracións aos medios, Rodríguez explicou que a nova medida que implica garantir un metro e medio de distancia entre os alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP "trastocou o traballo previo", e de aí "esta decisión técnica" de adiar o inicio do curso para estes estudantes. O Conselleiro indicou que "Galicia non é ningunha excepción" e sinalou retrasos "en moitísimas comunidades autónomas", xunto coa semipresencialidade proposta en Asturias, Madrid ou Aragón. Algunhas directivas de institutos decidiran pospoñer o inicio pola súa conta, mentres que outras pedían máis marxe de tempo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: