www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Setembro de 2020

Un cento de persoas concéntrase en Chapela por unha asistencia sanitaria de calidade
Política • 10/09/2020
Autor: Lorena Otero

Máis de dez días para conseguir unha receita médica, atención exclusivamente telefónica, imposibilidade de entrar no centro de saúde. Estas son algunhas das deficiencias que denunciaron o cento de persoas que se concentrou esta tarde no acto convocado polo BNG ás portas do Centro de Saúde de Chapela para reivindicar unha atención de calidade. Esta é a segunda, das mobilizacións que os nacionalistas celebraron en Redondela e anuncian que os actos reivindicativos continuarán nas vindeiras semanas en toda a comarca.


Aseguran que a pandemia viu a empeorar un servizo sanitario xa baixo mínimos pola falta de medios, de persoal e de financiamento. Dende o mes de marzo a situación empeorou cos centros de atención primaria saturados, a non substitución de baixas e vacacións do persoal, a falta de especialistas como psicólogos ou traballadores sociais e unha atención que non conta co mínimo indispensable para poder ofrecer un servizo de calidade.


A deputada nacionalista, Alexandra Fernández, advertía que a atención primaria “está en mínimos e serían precisos douscentos millóns de euros para pola apunto logo de once anos de recortes do PP”. Fernández engadía que hoxe en día “hai outro virus que é letal, o que quere facer negocio coa sanidade pública”.


Os usuarios do centro denuncian que teñen que agardar máis de semana e media para poder renovar a súa prescrición médica ademais de que os diagnósticos fanse “sen nin sequera verche a cara e non cando te atopas mal senón cando eles queren”. Unha situación á que engaden a imposibilidade de entrar no propio Centro de Saúde de Chapela o que fai que teñan que facer cola fóra das instalacións sen a privacidade nin as mínimas condicións esixidas.


Advirten que por en pé este centro de saúde custou anos de loita e mobilización social polo que chaman a defendelo así como unha sanidade pública de calidade.


Unha concentración que é a segunda que o BNG de Redondela organiza no municipio dentro da campaña de información e concienciación sobre a sanidade pública. O edil nacionalista, Xoán Carlos González anunciaba que a intención e que as protestas continúen nas vindeiras semanas tamén no resto de municipios da comarca.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: