www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Setembro de 2020

Golpe ao furtivismo en Arealonga
Sucesos • 7/08/2020
Autor: Ana Prieto

O departamento de Medio Ambiente e a Policía Local incautaron marisco, requisaron aparellos e identificaron a seis persoas por marisqueo ilegal na praia de Arealonga, en Chapela. O Concello advirte que esta actividade "supón un risco para a saúde pública, ademais de prexudicar a actividade económica das traballadoras do mar".


Dentro das actividades de control medio ambiental no medio natural en Redondela, o Concello vén de implantar o control e vixilancia periódico das actividades que realizan usuarios e furtivos nos bancos marisqueiros que se encontran nas praias do municipio. Nas dúas primeiras operacións programadas polo departamento de Medio Ambiente logrouse identificar a seis infractores, incautar un angazo e bolsas con marisco que estaban agochadas debaixo de táboas, pedras ou algas. O marisco incautado foi devolto ao mar polos axentes e membros do departamento de Medio Ambiente que realizaron o seguimento da actuación. Agora procederase á apertura de expediente ás persoas identificadas, e estudarase a imposición das medidas disciplinarias que permita a normativa legal. O goberno local advirte que o furtivismo supón un perigo para a saúde pública, xa que o marisco acaba "no mercado negro" en grandes cantidades "sen ningún tipo de control sanitario". Advirten que no caso de Arealonga, o marisco que se extrae neste areal "debe ser depurado para o seu consumo". Por outra bando aqueles que o retiran para o autoconsumo "poñen en risco a súa saúde e a dos seus familiares". Ademais esta actividade "fóra da legalidade" están prexudicando a estabilidade económica das traballadoras do mar "que día a día se esforzan para ter un sustento no litoral de Redondela".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: