www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Setembro de 2020

O PP redondelán denuncia que a consulta popular sobre festivos e rúas peonís é "ilegal"
Política • 5/08/2020
Autor: Ana Prieto

Os populares acusan ao goberno de incumprir a lei, poñendo en marcha unha consulta popular con "graves irregularidades". O grupo municipal xa formulou unha pregunta no pasado pleno municipal inquirindo ao goberno local sobre os motivos polos que decidiu "prescindir de todos os requisitos legais establecidos" para a consulta popular sobre os festivos locais e a peonalización dalgunhas rúas céntricas durante a fin de semana.


A portavoz popular, Carmen Amoedo, explica que o procedemento para este tipo de consultas "está claramente regulado na Lei de Administración Local de Galicia", que establece que só poden celebrarse previo acordo do pleno por maioría absoluta. "Unha vez tomado ese acordo ten que trasladarse á Xunta, que debe informar sobre a conveniencia da consulta, e remitir a solicitude ao Goberno do Estado, que é a quen corresponde autorizala en última instancia", puntualizou Amoedo. A concelleira do PP advirte que a a consulta realizada polo goberno local é "ilegal" e lamenta que "non hai ningunha garantía de control, nin existe posibilidade de fiscalización do proceso por parte da oposición". Sinala Amoedo que "o goberno local decidiu, sen acordar con ninguén, cales son as preguntas que se formulan, cal é o método de votación, e incluso decidiron alterar o censo de votantes". A voceira popular aclarou que o seu partido "non vai participar desta pantomima que máis semella un pucherazo ao estilo bolivariano que unha consulta democrática".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: