www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 15 de Agosto de 2020

Dezaoito empresas optan a redactar o proxecto da nova depuradora de Arcade
Institucional • 29/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Os traballos, licitados por más de 210.000 euros, contan cun prazo de execución de 12 meses. A nova infraestrutura hidráulica substituirá á actual coa fin de incrementar a capacidade e acadar mellores rendementos na depuración. Esta actuación enmárcanse na aposta da Xunta por apoiar aos concellos nas súas competencias municipais de saneamento e depuración.


Un total de dezaoito empresas veñen de presentar as súas ofertas para a redacción do proxecto construtivo da nova depuradora de augas residuais de Arcade, no concello de Soutomaior. Este contrato, licitado por un investimento de máis de 210.000 euros, conta con 12 meses para a redacción do proxecto.


A nova estación depuradora, que será cofinanciada a través de fondos Feder, contará cun orzamento de arredor de 2 millóns de euros, que será determinado de forma concreta polo proxecto construtivo.


Na actualidade, Arcade dispón dunha depuradora posta en servizo en 2005 pola Xunta, que tamén está a prestar o servizo de mantemento das instalacións, cun investimento autonómico de máis de 4 millóns de euros ata o día de hoxe.


A depuradora existente, de tipo físico químico, será substituída por unha nova infraestrutura de tipo biolóxico, que disporá de maior capacidade para acadar mellores rendementos na depuración.


A Xunta impulsa este proxecto hidráulico co obxectivo de prestar mellores servizos aos veciños e contribuír ao avance no saneamento da ría de Vigo, en beneficio da pesca, do marisqueo, da acuicultura e do turismo, actividades estratéxicas nesta contorna.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: